Xosé María Varela: «O gran logro do Couto é esa masa de voluntarios dispostos sempre a axudar»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso, conmemorará o Día de Rosalía cun caldo de gloria en colaboración coas fundacións de Rosalía e Curros Enríquez

22 feb 2023 . Actualizado a las 20:03 h.

A partir das sete da tarde de mañá xoves, as lareiras das fundacións Pondal, Curros e Rosalía estarán acesas e á súa máxima capacidade para preparar un caldo de gloria, un dos elementos que simbolizan a conmemoración, cada 23 de febreiro, do día de Rosalía de Castro. A fundación pondaliana viña sumándose cada ano ao recital que ten lugar no Hostal dos Reis Católicos, mais a celebración deste ano será máis especial. Así o conta o seu xerente, Xosé María Varela:

—De que xeito teñen previsto festexar este Día de Rosalía no Couto?

—Cando polo Día do Himno convidamos ás fundacións de Rosalía e de Curros, coas que mantemos moi boa relación, acordamos facer unha actividade conxuntamente para celebrar este día. Como as tres temos lareira, o xoves elaboraremos simultaneamente un caldo de gloria, un dos símbolos desta celebración, a partir das sete da tarde. Darémoslle visibilidade cunha retransmisión en directo, explicaremos como se prepara e como se serve, e teremos actividades complementarias: no noso caso, un recital do grupo de teatro da Casa da Muller e unha actuación de Irma Macías.

—Sempre é interesante explorar esas sinerxias con outras casas e fundacións de escritores.

—Dende logo, a nós cortounos a pandemia, pero somos vellas coñecidas e xa viñamos reuníndonos e participando en actividades as tres xuntas. Hai un interese moi grande por resaltar esas tres figuras do Rexurdimento —independentemente de que tamén teñamos contacto con outras entidades— e mesmo hai un proxecto de futuro co que nos gustaría contactara con outras casas ou territorios de escritores portugueses, porque pensamos que a literatura pode ser un moi bo punto de conexión.

—Co 17 de maio á volta da esquina, estarán tamén traballando na conmemoración das Letras...

—Si, e de feito presentamos un proxecto novo que nos ilusiona moito, pero estamos á espera de que nos responda a Administración. Aspiramos a darlle outra dimensión ao concepto das Festiletras, que naceu aquí no Couto, e que chegue a máis espazos e concellos da comarca nos que Pondal deixou a súa pegada. Serviría para crear actividades e formar un vínculo con outras zonas desta comarca.

—Manterán as Festiletras en setembro, como levan facendo dende a chegada da pandemia?

—A idea é manter en maio o Dezasete, o noso símbolo da festividade das Letras, pero a parte final seguiría estando neses primeiros días de setembro. Estes últimos anos tivemos moi boas vibracións e, ademais, temos máis posibilidade de voluntariado nesas datas. Soe facer mellor tempo que en maio e segue sendo período vacacional, así que as familias poden vir gozar das actividades. O covid marcou un antes e un despois, e isto está xa máis que asentado.

—Fala do voluntariado: é unha parte esencial do traballo que se desenvolve no Couto.

—É o noso piar fundamental: traballamos moito coa canteira. Temos unha escola que está creando máis dun cento de titulados de monitorado de tempo libre, e de feito o día 25 do mes que vén comezará outro curso. As actividades de conciliación, o espazo Educar, as aulas científico-tecnolóxicas... Somos un referente, pero grazas a eses mozos que nos axudan, e tamén a ese voluntariado sénior que conseguimos armar e que é tamén importantísimo. O noso gran logro é contar cunha masa de persoas dispostas a botar unha man sempre que se precisa. Grazas a iso o noso proxecto ten estabilidade.

Máis actos na Costa da Morte polo Día de Rosalía

Cabana. Mañá (11.30), na Escola de Vela: transformación en música de versos de Rosalía e taller-cata de caldo de gloria.

Cerceda. Mañá, lectura de obra da poeta no Campo da Feira (12.00).

Vimianzo. Mañá, función Contos nunha roda, de Tarabelos, para escolares (auditorio, 18.30).

Cee. Venres (11.00), no auditorio, función A viaxe de Rosalía, de María Larraitz Urruzola Tolosa.