Carmen Riveiro, premiada co Antonio Fraguas da Deputación: «A artesanía engancha»

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A artesá zasense recibiu onte o seu galardón, o segundo xa, nunha gala celebrada no Teatro Colón da Coruña

11 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A zasense Carmen Riveiro recolleu onte no Teatro Colón da Coruña o que é o seu segundo premio Antonio Fraguas de artesanía, concedido pola Deputación da Coruña. Nesta edición, foi un vestido de noiva de tres pezas o que lle valeu o galardón, e do que o xurado destacou a súa «orixinalidade» ao combinar dúas técnicas tradicionais, como é o tecido en tear e o encaixe de bolillos.

Cando recolleu o seu galardón, Riveiro agradeceu o labor da Deputación na preservación da artesanía e convidou aos asistentes a visitar o Castelo de Vimianzo para coñecer máis sobre o liño. Tamén tivo unhas verbas de gratitude para o seu equipo e para a delegación zasense que a acompañou á gala, encabezada polo rexedor, Manuel Muíño. «Aquí estou, traballando aínda aos 74 anos. A artesanía engancha», concluíu.

Na noite de onte houbo máis representación comarcal, neste caso da man da Federación de Redeiras Artesás O Peirao, que recibiu o galardón Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero. No estrado, a entidade botou a vista atrás e repasou estes «vinte anos de loita», que tivo como fito principal a inclusión das redeiras como traballadoras de pleno dereito do sector da pesca. «Primeiro descubrímonos como mulleres, e despois, como profesionais. O desastre do Prestige serviu para visibilizar traballos invisibles como o noso», reivindicaron.

Durante a velada, o presidente provincial, Valentín González Formoso, fixo fincapé na aposta da Deputación pola cultura e recoñeceu a «importancia estratéxica» que ten esa industria no contexto social e económico da provincia. «A cultura ten un enorme potencial aínda por desenvolver, por iso tratamos de apoiar aos nosos creadores premiando o seu talento con galardóns coma estes, e facendo a cultura máis accesible levándoa a tódolos recunchos da provincia», concluíu Formoso.