O enigmático san Xulián de Moraime vendido en poxa: patrimonio espoliado

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

CARBALLO

Imagen de una talla de san Xián de Moraime en la iglesia muxiana, en una foto tomada en el 2005. A la derecha, la pieza que sale a subasta en Barcelona.
Imagen de una talla de san Xián de Moraime en la iglesia muxiana, en una foto tomada en el 2005. A la derecha, la pieza que sale a subasta en Barcelona.

Apuntes históricos | Foi encargado por un muxián emigrado en América, pero non foi o único elemento patrimonial que foi espoliado. En Meirás seguen aínda as pilas de Moraime, por exemplo

11 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde Santa Fe de Bogotá, cidade do Reino de Granada nas Indias, Benito de Agar y Leis evoca morriñento as paisaxes de Moraime: o mosteiro e a talla do patrón san Xulián de procesión polo adro, a impoñente reitoral, a capela de san Roque…, pero sobre todo evoca a casa familiar en Santa Mariña de Prado, pertencente daquela á Xurisdición de Moraime.

Nese lugariño veu ao mundo en 1722, fillo de Pedro de Agar e Lucía de Moreira, que casaran en 1716 na veciña freguesía de Coucieiro, na cal existe precisamente un lugar denominado Agar. Púxolle na fronte os óleos do bautismo o cura prior da parroquial e priorado de Moraime, que era, como non, un frade, Antonio Talón. E apadriñouno Benito García, de quen recibiu o nome de pía. Na mesma freguesía de Moraime e na de Coucieiro naceran tamén avós e bisavós: Benito é, pois, un muxián de boa cepa, de excelente cepa fidalga, pois todos os membros da familia son «personas del estado noble hijosdalgo, notorios de sangre, casa y solar conocido de armas poner y pintar, cristianos viejos limpios de toda mala raza de moros, judíos y nuevamente convertidos a nuestra Santa Fe, y por tales son estimados, habidos, tenidos comunmente y reputados en aquellas parroquias de su oriundez». Así o acredita a súa executoria de fidalguía, depositada no Arquivo Universitario de Santiago.

Benito marchara ao Reino de Granada da man de José Alfonso Pizarro, vicerrei dese reino. Aquí casa con María Josefa Bustillo Pérez, chegada a América co seu tío Fernando Bustillo, fiscal protector das Indias. Ten polo menos dous fillos: Fernando Francisco Javier e Pedro Antonio. Xa en América, os cargos que ostenta revelan unha vida de éxitos profesionais, primeiro como comisario da Cabalería Miliciana e despois como capitán dela; o ilustre cabido da cidade de Santa Fe vai nombralo en 1771 alcalde ordinario; finalmente, dedícase ao comercio «en su almacén, portándose con toda honrrosidad». Ás comodidades do berce familiar, engade Benito o enriquecemento: conseguira, polo tanto, «facer as Américas».

Saudade

Un día no que a saudade e a devoción o invaden, o indiano muxián contrata, agraciado e agradecido, os servizos dun escultor. Descríbelle, na medida en que a memoria llo permite, o san Xulián da nenez: pelo longo, bigote e barba; vestimenta cortesá e sombreiro; a man esquerda no pomo da espada enfundada e unha pomba sobre a dereita. Dentro do seu caixonciño, san Xulián o Indiano cruza o Atlántico na bodega do barco e arriba ás costas galegas.

Tamén desde o Reino de Granada, de Popayán na actual Colombia, chegara en 1739 o cáliz dourado de Cospindo, obsequio do emigrado José de Castro; americana é igualmente a custodia eucarística de Corcubión, doada por Alfonso de Achey en 1759… E así tantas obras de arte sacro, escultura e ourivería, enviadas por indianos enriquecidos á súa parroquia natal, algunhas —moi poucas— conservadas aínda nas nosas parroquias e outras perdidas.

Poxa en Barcelona

Cúmprese un ano da saída a poxa, por La Suite de Barcelona, dunha talla dun «san Julián de Moraime» pola que se pagaron 15.500 euros, segundo informaba Xosé Ameixeiras en La Voz de Carballo. Xosé María Lema e Eva López, estudosos da arte relixiosa da comarca, confirmaron a súa orixe colonial. Tamén en Cataluña, por certo, acabaron dúas esculturas espoliadas do mosteiro de Carboeiro, informaba este xornal. Por outra banda, seguen en Meirás as pías de Moraime, impío latrocinio da época franquista; nunha delas puido ser acristianado precisamente Benito de Agar. Algo parecido debeu de sufrir o noso san Xulián.

Cremos que a talla vendida en Barcelona non foi chamada «de Moraime» para suscitar o interese dos compradores, pois a relevancia histórica de Moraime non dá para tanto. O san Xulián era, en efecto, desta parroquia. Veu de América, obsequio dun muxián emigrado que podía permitirse tal gasto. Descoñecemos as dimensións da talla e se estaba destinada a procesionar, función que evidenciaría a anclaxe baixo a peaña. Cabe a posibilidade de que o Xulián americano non se encargase para a parroquia, senón para a capela da casa dos Agar en Santa Mariña. Tal orixe propoñemos ao desafortunado Xulián de Moraime, agora emigrado para sempre.