Ángeles Vázquez: «Os nosos cativos son auténticos embaixadores medioambientais»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CESAR QUIAN

ECOVOZ 2023 | O Plan Proxecta da Xunta está a desenvolver once programas educativos. Fala a conselleira de Medio Ambiente, presente na apertura da 24.ª edición do programa de Radio Voz Ecovoz

06 feb 2023 . Actualizado a las 09:41 h.

O pasado venres arrincou a 24.ª edición do programa medioambiental Ecovoz, promovido por Radio Voz co impulso de Sogama. Na estrea estivo presente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Ela foi unha das encargadas de dar o pistoletazo de saída desta nova tempada do espazo radiofónico. «Á volta da esquina celebraredes as vodas de prata do programa, así que temos que agradecervos, tamén a vós, o labor que facedes nesta materia de concienciación», subliñou. Vázquez destacou, doutro lado, «ese labor silencioso que se está levando a cabo, sobre todo, nas aulas, para que os máis novos preserven a nosa contorna».

—E dende a Administración, que se está a facer neste ámbito?

—Os cativos, ao final, son mestres tamén nos seus fogares, son auténticos embaixadores medioambientais. Os rapaces de hoxe son os que tomarán as decisión no mañá. E hai uns valores fundamentais, que son os da protección da nosa natureza e do noso entorno. Aí estamos traballando arreo e facémolo con moitos programas educativos, temos en total 11 a través do Plan Proxecta da Xunta. Está o da Paisaxe e sustentabilidade, o de Mestres gandeiros, as Meteoescolas, o de Protexe o teu medio, tamén estamos cunha rede de hortas escolares, co Proxecta Terra, Recíclate con Sogama, o Mil Ríos, Naturalízate ou Escola Verde. Estes son programas que levamos a cabo a través de Consellería de Educación, pero tamén promovemos cursos online para formar aos profesores e xestionamos plataformas nas que se reforza o estudo das materias desde a dimensión ambiental. Son multitude de programas para chegar a un único fin, que é protexer o medio porque iso é protexernos a todos e protexer a Galicia.

—Son iniciativas que axudan a que as novas xeracións sexan exemplo nesta materia.

—Efectivamente, eles son os que nos dan leccións. Se tiveran que avaliarnos aos maiores, non sempre aprobariamos. Eles saben onde depositar unha pila, onde o papel, onde vai o vidro... E ademais fano como algo propio e con naturalidade. Para eles non é un traballo senón todo o contrario e iso que é normal para eles ten que normalizarse para o resto da sociedade. Dá moita mágoa cando vas pasear e te atopas con que hai un botellín de refresco tirado ou unha bolsa de plástico. Incluso á saída das autovías ou autopistas. Que necesidade hai diso, como se nos ocorre ir no coche e tirar todo iso pola ventanilla e deixalo na nosa natureza. Iso segue sucedendo e aí temos aos nosos pequenos, que son auténticos vixiantes. Ata deberiamos darlles a potestade de que nos puideran sancionar aos adultos.

—Un ano máis, o concurso Ecopreguntoiro será protagonista. Tamén os rapaces dos colexios participantes. Que mensaxe lles lanzaría?

—Eles son os propietarios de Galicia. E por iso teñen que coidar Galicia. Iso supón que deben facer as cousas ben e tamén teñen que chamarlle a atención a aqueles que non o están facendo tan ben. E, por suposto, teñen que estar sempre pendentes de todo o que se vaia compartindo no concurso porque é unha maneira de superarse e de aprender.

«Coa bonificación do canon de Sogama buscamos aliviarlle a presión aos concellos»

Para dar cumprimento a unha directiva europea, antes de que finalice o 2023, o colector marrón deberá estar implantado en todos os municipios de Galicia.

—A nova normativa colle á comunidade cos deberes feitos?

—Efectivamente. Nós traballámolo moito. O ano pasado avanzamos moito en axudas aos concellos para que puideran mercalos e, por outro lado, instalamos plantas de biorresiduos nas catro provincias. Temos unha en Cerceda, que xa está funcionando, e agora o que temos que facer é promover a redución de residuos. E para iso temos que dar os mellores servizos. O colector marrón é onde ten que ir iso que non debería sobrar, como é a nosa comida. A partir de aí teremos materia natural para as nosas hortas ou para os xardíns. O colector xa está implantado en municipios como A Laracha, Carballo, Santa Comba e Santiago e estase a facer realmente ben. Se tivera que cualificalos daríalles case que a matrícula.

—A Xunta bonificará nun 15 % o canon de Sogama para incentivar a instalación do novo colector. Que acollida tivo a medida?

—Foi moi ben recibida polos concellos, agora tócalles cumprir. E teñen que facelo mellorando a súa xestión dos residuos, incrementando a reciclaxe e trasladando a rebaixa aos usuarios. O apoio é absoluto desde a Xunta para facilitar aos municipios o cumprimento das obrigas en materia de xestión dos residuos. Buscamos aliviarlles a presión e por iso se fai ese esforzo.