Castigo nunha discutida Semana Santa en Cee

darío areas

CARBALLO

Crónicas do pasado | Así se xulgou no 1890 a falta dun estudante do instituto Fernando Blanco

04 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de marzo de 1890, previa convocatoria de Manuel Fernández Llamazares, director nese momento do instituto, reuniuse o claustro de profesores formado por José García Rúa, José María Guillén Cabeza, Pío Casais Canosa, José María Domenech Bañón e Manuel Porrúa Rodríguez para xulgar unha falta de disciplina cometida por un estudante de segunda ensinanza.

Dous días antes da reunión, é dicir, o 15 de marzo, Isidro R. A., alumno da materia de Retórica e Poética impartida por Pío Casais, fora castigado, pola súa constante falta de aplicación, a permanecer pechado nunha das aulas do instituto durante o tempo que restaba para rematala xornada lectiva. Pero o pupilo, aproveitando a ausencia momentánea do seu profesor, forzou a fechadura da porta e, sen atender aos chamamentos dos dependentes, fuxiu do centro educativo.

Nos artigos 143.3 e 147.6 do Regulamento do instituto, publicado no ano 1886, abordábase este tipo de falta, incidindo o primeiro deles en que o director e os profesores poderían castigar as faltas de insubordinación aos dependentes encargados da orde no Instituto, e engadindo, o segundo, que se consideraba falta grave o desacato ou resistencia ás ordes dos superiores xerárquicos no rango académico. E así, o claustro, por unanimidade, acordou «castigar al alumno Isidro R. A., con el encierre en el establecimiento de los días que comprendan las próximas vacaciones de Semana Santa y con una reprensión ante sus condiscípulos».

O 28 de abril volveu reunirse o claustro de profesores trala comunicación recibida por parte de Antonio Vázquez Queipo, patrón da Fundación, na que manifestaba que tivera constancia que o alumno infractor non cumprira na súa totalidade a pena imposta, pedindo por elo as oportunas explicacións, e encargando ao mesmo tempo ao profesor de Poética e Retórica un sucinto informe dos feitos, informe que non deixaba en bo lugar ao Director Manuel Fernández Llamazares, posto que o acusaba de ceder ás presións da familia do estudante. Este último negouno e recoñeceu, ante os demais profesores, que entendera que «el claustro al referirse en su determinación á las vacaciones de Semana Santa, esta pena comprendía los seis días de la misma que son las vacaciones reglamentarias de este período, o sea, desde el lunes hasta el sábado, y que era verdad que Isidro R. A. no empezó á cumplir su condena hasta el martes al mediodía, a pesar de haber sido avisado el lunes, primer día de tal semana, terminando su corrección el sábado, aunque la totalidad de la pena se había dejado de cumplir en atención al buen comportamiento observado en el encierro».

A totalidade da pena

Da mesma opinión que o director, é dicir, de que a duración do castigo debía de ser de seis días, porque esa era a duración das vacacións de Semana Santa, era tamén José García, secretario do instituto, pero os demais profesores do claustro diferían. Así, Manuel Porrúa cría que debía incluírse dentro do período de asueto o Domingo de Resurrección (sete días en total), e Jose María Domenech, José María Guillén e Pío Casais avogaban por que as vacacións comprendían, ademais do domingo de Resurrección, tamén o luns e martes de Pascua (nove días en total) por que así o establecía a Lei de Instrución Pública vixente nese momento.

Fora como fose, e a pesares das diferenzas de criterio entre uns e outros, todos estiveron de acordo en que a totalidade da pena non se cumprira, decidindo por unanimidade que o alumno tivese a maiores dous días e medio mais de arresto. No seguinte curso de 1890-1891, Pío Casais Canosa foi nomeado director do Instituto Fernando Blanco en detrimento de Manuel Fernández Llamazares. Casualidade ou non, é algo que descoñecemos.