Alberto Sueiro: «A aposta polo Fiot debe ser máis ambiciosa: precisamos un novo auditorio»

M. López, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Alberto Sueiro, de marrón, durante a presentación dunha das pezas da última edición do festival
Alberto Sueiro, de marrón, durante a presentación dunha das pezas da última edición do festival ANA GARCÍA

O presidente de Telón e Aparte analizou as repercusións do recoñecemento nacional que o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo vén de recibir

03 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunto ao Museo do Prado, o Festival de cine de San Sebastián ou o Centro Botín de Cantabria. Nesa listaxe dos mellores proxectos culturais do país vén de ser incluído o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), un recoñecemento que foi valorado onte en Radio Voz por Alberto Sueiro, presidente da entidade promotora, Telón e Aparte.

—Contentos con esta nova distinción que veñen de recibir?

—Sempre é unha satisfacción que o traballo teña a visibilidade suficiente como para que se valore e reciba un recoñecemento como este. É un orgullo e un impulso para seguir traballando e intentando que isto se manteña.

—Trátase, ademais, de algo a nivel nacional.

—Así é. Hai anos xa apareceramos nesta especie de ránking que fai o Observatorio da Cultura, creo que no posto noveno. Nesta ocasión fomos o proxecto seleccionado da comunidade Galega e, o dito, moi contentos.

—Pode ser unha arma de dobre fío? Tanta visibilidade.

—Para nada. Nós non perdemos a perspectiva e seguimos cos pés a ras do chan, traballando por alzar cada ano un proxecto que poida ter o recoñecemento dos profesionais. Porque para min o principal valor deste galardón é que se trata dunha votación a cegas que fan cerca de 500 profesionais da cultura.

—Chega tarde esta distinción? Edicións extraordinarias do Fiot ten habido xa moitas...

—Tamén se valora a traxectoria do festival e o proxecto completo, non só a programación. Formamos parte de Escena Norte, que implica a todas as comunidades do norte do país; temos o Fiot Fónico en formato podcast, facemos teatro inclusivo e levámolo ás parroquias... Ese tipo de cousas, así como a implicación da sociedade co festival ou a expansión a outros espazos, son cousas que se valoraron, creo.

—Dá vertixe algo así?

—A esixencia non pode dar vertixe, e non só vén imposta por recoñecementos como este, senón pola propia traxectoria do festival. O que si que creo que é moi necesario é que a sociedade tome conciencia de que temos entre mans algo de moito valor e que pode ter un gran retorno en Carballo. Outra cousa a ter en conta: o seguinte proxecto na listaxe ten doce veces máis orzamento ca nós.

—Un premio como este tamén axuda na visibilidade, sobre todo fóra de Galicia, non?

—Este tipo de cousas o que traen, principalmente, é visibilidade. Só hai que fixarse o que supuxo o teatro para a cidade de Mérida, e eu creo que en Carballo estamos camiñando nesa dirección. Que precisamos agora? Unha aposta máis ambiciosa, que se invista nun auditorio e que se tome conciencia de que o Fiot é algo de todos e para todos. E que queda logo destas reivindicacións? Pois esa satisfacción polo recoñecemento, que hai que dicir que tamén está premiando o gran traballo do departamento de Cultura do Concello de Carballo.