Hadrián Rama: «A miña ilusión segue sendo xogar un ano de dianteiro na Liga da Costa»

CARBALLO

ana garcia

El portero más laureado de la historia del Paiosaco se despide por sorpresa

02 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezaseis anos dan para moito. A Hadrián Rama (Suiza, 1990), por exemplo, bastáronlle para ser adoptado pola parroquia de Paiosaco como un veciño máis, pese a residir na Laracha. Tamén para ver crecer a un equipo que, á súa chegada, non tiña categorías de base e que agora vive a súa cuarta campaña na Terceira División. Non obstante, hai bichoquiños que nin o tempo mata, e o de marcar os goles en vez de evitalos nunca o abandonou. Agora poderá satisfacelo, pois para sorpresa da maioría, onte desvinculouse do club dos seus amores, do que foi capitán dende hai máis dun lustro.

—Por que o deixa agora?

—É unha decisión que hai tempo que viña meditando. Estábaseme facendo a tempada un pouco costa arriba, porque a Terceira División é unha categoría moi esixente en temas de adestramentos e desprazamentos. Entón necesitaba baixar o ritmo de vida porque entre o traballo e o fútbol non podo con todo. E agora teño un fillo. Quería esperar ata final da tempada, pero xurdiu a opción de incorporar a un porteiro neste final de mercado —Andro José Rial, procedente do Brexo Lema— e eu animei ao club a que dera o paso para que chegase alguén con outra ambición para levantar esta situación.

—Cando tomou a decisión?

—Foi este domingo. Levaba tempo con dúbidas porque non estaba a contar. Xoguei contra o Alondras e volvemos gañar despois de moito tempo, tamén en Abegondo, onde fixemos un bo partido. E outra vez volvín para o banco. Entón, apareceron as dúbidas e cando é así, o mellor é que veña xente nova.

—Levaba a metade da súa vida defendendo a Porta Santa.

—Si, cheguei do Laracha en xuvenís, que era o único equipo que tiña o club aparte do sénior. Nesa categoría xogaba sempre a primeira parte de porteiro e a segunda de dianteiro, ata que en 2009, ao subir aos maiores, obrigáronme a decidirme. Vin máis posibilidades na portería e non foi mal a cousa. Catro ascensos, dende Segunda ata Terceira División e unha chea de amigos e vivencias que nunca esquecerei.

—Con cal se queda?

—Diríache dous. A Copa da Coruña que gañamos en Riazor ao Carral no 2017. Cinco mil persoas nas gradas e as bágoas dos nosos afeccionados, para os que era moi especial este trofeo. O outro momento, o descenso á Preferente do ano pasado, pese ao que se quedaron 16 xogadores. Iso é sentimento de pertenza, porque a gran maioría tiñan mellores ofertas deportivas e económicas. Pero aquí atopas unha calidade humana que non hai noutros lugares. Fai especial ao Paiosaco, como o feito de cobrar todos un soldo equitativo.

—E os recordos máis duros?

—Os cinco anos que nos pasamos sen subir a Primeira Autonómica tendo xogadores para conseguilo de sobra. Tamén as tempadas que pasamos en Terceira, porque aínda que queiras gozar da categoría, se as cousas non saen...

—E agora, volverá xogar este ano?

—Teño varias ofertas, entre elas para xogar de dianteiro na Liga da Costa, e esas son as que máis caso lle estou facendo. Incluso máis que a outras de Preferente. De feito, diría que antes de volver a xogar de porteiro na Terceira, xogaría de dianteiro na Costa. Hai un par de clubs que saben que a miña ilusión segue sendo xogar esa liga e xa se puxeron en contacto comigo.

—De onde lle vén esa paixón?

—Sempre entendín o fútbol como unha defensa do teu. Algo moi local e persoal. E creo que ese sentimento, ademais de en Paiosaco, segue estando moi vivo na Costa. Equipos como o Corme, o Muxía, ou outros tantos... Entre iso, a afección que existe e a calidade que hai na categoría, paréceme unha liga moi atractiva e estou desexando xogala.