
Confirmouse a candidatura de Evencio Ferrero, por undécima vez consecutiva, para optar á alcaldía de Carballo. Apelaba, co fin de argumentar a súa decisión, á utilidade deste paso tanto para os veciños como para os visitantes e pedía, así mesmo, o compromiso e a colaboración de todo o seu equipo. Fixo historia, e tanta historia que fixo, e presentou as dúas décadas de experiencia como aval para seguir no cargo.
Cabe, cando menos, cuestionarse, cómo o que antes era criticado desde a oposición, agora preséntase como o gran mérito desde o goberno, adiantando a escusa con vistas a soster a crítica contra quen vai ser o principal contrincante nesta carreira, este que escribe, cando desliza a miña falta de experiencia e traxectoria. Parece que continuarán ese desafortunado costume de defenderse con ataques. Será que están nunha crise de identidade que lles fai confundir o seu rol. Eles, son goberno, non oposición. O que están a facer non lles corresponde, é a nós a quen nos toca esa tarefa e tratamos de acometelo da maneira máis construtiva posible.
A aparición dun candidato cunha forma diferente e fresca de enfrontarse á política espértalles certa inquedanza, tras dúas décadas de confort, acomodados á inercia da maioría, cuxo proxecto xa non vende e que non arrinca ilusión, apenas unha tímida sensación, enganosa, de seguridade. Porén, paradoxicamente, nas súas declaracións iniciais ante a asemblea cos seus, Ferrero insiste na capacidade de xestión e nos novos obxectivos a conquerir. O máis curioso é que asegura que nunca tiveron tantas ideas, pero tamén afirma que nunca tantas necesidades viron na vila. Vista esta contradición, haberá que pensar en cal das partes do plantexamento está o erro, porque eu non adoito a prexulgar de engano ou mentira a ninguén sen probas. É obvio que se eles teñen ideas e Carballo ten moitas necesidades, ou algo se nos escapa da ecuación, ou a veciñanza está sendo burlada por un goberno neglixente, cando menos, despreocupado. Se van vinte anos, e a xestión é tan impecable, como a estas alturas hai tantas necesidades por cubrir?
A pesares de poñer tanto empeño en defender que non é unha candidatura unipersonal, a ninguén se lle escapa que o señor Ferrero xa hai catro anos que apuntaba maneiras de prexubilación da alcaldía. Será que anda a facer carreiras coa súa xefa de filas, Ana Pontón, a ver quen dos dous chega máis aló dos 20 anos no cargo. No PP de Galicia, que goberna desde hai catro lexislaturas con maioría absoluta, vimos de amosar que somos quen de facer sucesións que superan o presidencialismo do que tanto se nos falou desde as filas do BNG.
En calquera caso, desde os populares de Carballo coñecemos ben todas esas necesidades, pero nós si queremos darlle resposta para devolverlle a Carballo o seu lugar como cabeceira de comarca. Nestes catro meses xustos que temos antes das eleccións seremos quen de presentar un proxecto sólido, realista, sostible e que teña en conta todas as situacións que requiran atención, por idades, por sectores e por territorios. Dende este proxecto convidamos a crear un novo Carballo, crendo nas súas posibilidades, sen límites e con verdadeira ambición. E mentres, como dicía aquel, os outros seguen tocando «a de sempre».
Candidato do PP carballés.