José Manuel Pequeño: «O verdadeiro valor inmaterial do Camiño é a xente, os veciños»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

TURISMO A TODA COSTA | Fala o presidente de Asociación de Concellos do Camiño a Fisterra e Muxía. A delimitación do itinerario e o cómputo de peregrinos, dous dos principais retos. O itinerario xacobeo será unha das propostas a divulgar en Fitur

16 ene 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

Ademais de alcalde de Dumbría dende hai case corenta anos, José Manuel Pequeño é tamén o presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, que esta semana levará a Fitur a promoción deste itinerario xacobeo. Será só unha parte da representación que a Costa da Morte terá nesta feira sectorial de turismo, pois dende a Deputación presentarase o proxecto gastronómico Os Fogóns do Anllóns, a CMAT falará da comarca como destino Starlight e Turismo de Galicia abordará o último raio de sol da Europa continental, que pode verse en Touriñán (Muxía) en determinados momentos do ano. Ademais, varios concellos terán tamén presentacións, así como a entidade Solpor.

—Que levarán a Fitur estes días dende a asociación?

—Presentaremos nova web, www.ateofin.gal, e tamén un vídeo promocional do Camiño. Vai todo un pouco dentro do resumo das actividades que dende a asociación fixemos nestes dous últimos meses, actividades que foron posibles grazas ao apoio da Deputación e do Xacobeo e que foron encamiñadas á mellora da calidade [da ruta] e a dala a coñecer.

—Que haberá nesa nova web?

—Pois estase dotando de contido, aínda que xa se pode entrar, e nela hai fotos, o vídeo promocional do que falaba e información. Estase rematando.

—Busca ser o portal de referencia para os camiñantes? A miúdo se enfrontan a unha sobredose de información con tantas webs que falan do itinerario.

—Así é. Temos un camiño que, para nós, é o mellor do mundo, pero tamén é o máis singular. Tódolos itinerarios xacobeos chegan a Compostela, pero este non, este parte de Compostela cara a fin do mundo. E as cifras que che poden dar na Oficina do Peregrino, que falan dunhas 1.500 persoas [as que continúan o traxecto cara Fisterra], distan moito da realidade, pois son máis de 36.000 as que reciben a fisterrana ao remate da súa viaxe cada ano.

—Falta unha medida de control oficial e fiel á realidade, entón.

—A nivel local, no noso concello [Dumbría] fixemos hai un tempo un estudo que concluíu que polo albergue que temos en Olveiroa pasaron arredor de seis ou sete mil peregrinos [nun ano], mentres que polo de Dumbría, outros dous ou tres mil. E tamén soubemos que entre o 60 e o 70 % son estranxeiros, ao contrario do que sucede no conxunto das rutas xacobeas, nas que predomina o público nacional. Algo teremos que facer ao respecto en canto á promoción.

—A finais do pasado ano impulsaron un programa de actividades precisamente para a promoción desta ruta. Que tal foron?

—Pois foron once actuacións que comezaron en novembro cunha serie de conferencias, nacionais e internacionais, que fixemos no Museo do Pobo Galego. Tamén estamos moi contentos dos cursos de formación que tivemos para os profesionais. O máis importante para nós é dar a coñecer o Camiño, pero ao mesmo tempo protexelo e delimitalo para que nun futuro se declare como patrimonio da humanidade. Creo que hai suficientes elementos para poder facelo.

—Presentarán candidatura?

—Estase estudando para o Camiño Inglés, pero creo que nós onde primeiramente nos toca traballar é na delimitación física. Ademais, neste próximo ano intentaremos pedir que algún tipo de xornada internacional xacobea veña para a comarca. En canto ao patrimonio inmaterial, é bo recollelo para facelo tanxible e para que os veciños lle dean valor, para facelos partícipes a eles tamén de todo isto. E é que para min o valor inmaterial do Camiño é a veciñanza, é unha relación fundamental a que ten co peregrino, que se ben chega a Santiago para limparse espiritualmente, despois continúa ata a fin do mundo para facelo mental e fisicamente. E ten que pelexar con todos eses vákners mentres tanto, incluído ese vákner que temos todos dentro e que é a batalla máis difícil de librar.

—Agora toca agardar por un Ano Santo que non estea adulterado polo efecto da pandemia...

—Tocáronnos uns anos complicados, en tódolos aspectos, pero a pandemia tamén nos deu cousas a cambio. Observamos o que nos rodea de maneira diferente, permítenos levar un control e dános unha visión de por onde poden ir as cousas.

—A contabilización de peregrinos aínda é unha materia pendente?

—Témoslle que dar unha volta, pero non é nada fácil. Sería doado facelo a través dos albergues públicos, pero son insignificantes con respecto ao número de prazas que hai privadas. En Dumbría, por exemplo, temos 68 públicas e máis de 200 privadas. Neste sentido, creo que os profesionais e as Administracións, nós neste caso, nos imos ter que sentar e pedir unha colaboración. Iso daríanos unha idea bastante acertada do número de xente que vén por aquí, aínda que algúns cheguen en bicicleta ou pernocten noutro tipo de sitios.