Unha marca de elite que destila que a nosa zona ten nivel

Jorge Mira CATEDRÁTICO DE FÍSICA DA USC

CARBALLO

14 ene 2023 . Actualizado a las 11:42 h.

Que nos concedan este selo indica que somos un territorio que goza aínda dunha certa pureza natural e, ao mesmo tempo, é un indicador de calidade da oferta turística. É unha marca de elite que destila que a nosa zona ten nivel. O 80% da poboación mundial vive en zonas tan contaminadas lumínicamente que non pode apenas ver o ceo estrelado. Poder gozar da noite escura en exteriores é un privilexio. Do mesmo modo que hai xente que elixe destino turístico para ver o mar, tamén hai cada vez máis xente que elixe destino para ver as estrelas. Este turista é de alto poder adquisitivo e nivel educativo alto, valora e non deteriora o territorio que visita. Coa concesión do selo de Destino Turístico Starlight á Costa da Morte conclúe a primeira parte dun proceso no que se empezou a traballar en firme hai case dous anos. A segunda fase, que empeza agora, será a de consolidación do selo. Isto vai implicar cambiar a nosa mentalidade (e a dos concellos, sobre todo) coa iluminación en exteriores, para rebaixar a contaminación lumínica. É importante ter presente que a redución desa contaminación non só repercute na beleza do noso entorno, senón que tamén ten efectos directos sobre a nosa saúde, que quizais é o máis importante. A sobreiluminación en período nocturno é causa de procesos patolóxicos en seres vivos, tal e como demostran moitos estudos.

O traballo que se veu desenvolvendo nos últimos dous anos actuou en moitas frontes e con diversas colaboracións. Algo que cómpre salientar é a gran complexidade dunha certificación para un territorio como o da Costa da Morte: un espazo que vai dende Laracha ata Carnota, no que viven máis de 115.000 persoas. O noso vai ser un destino moi diferente ao típico que posúe esta certificación, normalmente zonas ailladas e de pouca poboacion. Por exemplo, A Veiga (Ourense), é un dos tres destinos turísticos Starlight que había ata agora en Galicia ten menos de 900 habitantes.

A certificación é moi prestixiosa a nivel internacional. Está avalada polo Instituto Astrofísico de Canarias (principal nodo mundial en investigación astronómica), a Organización Mundial de Turismo e a Unesco. Intenta fomentar o control da contaminación luminosa, e é un indicador da excelencia e nivel da oferta turística. Durante o proceso de certificación viñeron auditores a inspeccionar o nivel do noso territorio dende o punto de vista da oferta turística.