Ángel Carracedo: «Para potenciar vocacións científicas tamén ten que haber oportunidades»

P. Blanco / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

GENTES DEL FINIS TERRAE | Cre que tódolos científicos deberían facer o esforzo de comunicar á sociedade o que fan. Así o dixo en Radio Voz, horas antes de intervir, onte, no instituto Eduardo Pondal de Ponteceso 

11 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Falemos de xenes e ambientes», así se titulou a charla que na tarde de onte ofreceu Ángel Carracedo no salón de actos do instituto Eduardo Pondal de Ponteceso. El é Catedrático de Medicina Legal, investigador e referente internacional en xenética. Naceu en Santa Comba, pero ten familia bergantiñá e divulga ciencia por medio mundo. Unhas horas antes de arribar ao IES pontecesán, pasou por Radio Voz Bergantiños:

—Hai apenas dous meses estivo tamén por Ponteceso, neste caso no congreso de Enciga.

—Estas reunións son moi agradables e alegreime moito de que a fixesen en Ponteceso, xa que nesa zona hai unha gran concentración de clubs de ciencia.

—A que se pode deber iso?

—Soe ser por mestres moi implicados que motivan aos rapaces para que lles gusten as ciencias, que os estimulan e traballan con eles.

—Falaba hai pouco da importancia da divulgación, de que non se pode vivir nunha torre de marfil.

—A ciencia dun certo nivel é moi competitiva e os que avalían o traballo dos investigadores non valoran demasiado o labor de divulgación, que penso que tamén debería ser un mérito. Para min o científico fai máis que producir, todos deberían facer ese esforzo por comunicar o que fan, xa que é unha mágoa cando se perde esa conexión coa sociedade.

Ana García

—Axudou a pandemia a valorar máis o labor da investigación e da medicina en xeral?

—Absolutamente, e espero que non o esquezamos. Se nos salvamos foi por esas vacinas que saíron nun tempo récord e polo traballo que fixo o persoal médico.

—Volvendo á Costa da Morte, esta zona é tan especial que mesmo ten a súa propia ataxia.

—É certo que hai moita concentración desa enfermidade dende Fisterra ata, digamos, a zona da Coruña. E todo comezou cunha familia, cunha mutación, que é o que chamamos o efecto fundador. Nesta zona hai unha estrutura moi comarcal e unha endogamia extrema que é case única no mundo. Se polo apelido ata se pode saber de onde é un! Vímolo nun traballo que publicamos en Nature hai tempo: a min non me sorprendeu, pero ao resto do mundo si, porque non é algo que se vexa noutras partes. É un aspecto cultural.

Ana García

—Que preparou para Ponteceso?

—Pois esta tarde [por onte] falarei de xenes e de ambiente, pero centrareime sobre todo en trastornos psiquiátricos, como TDH, TOC... Para ver cal é o compoñente xenético que teñen e, sobre todo, quitar o estigma e que a xente comprenda máis estas doenzas. É moi importante isto.

—Os Reis Magos xa pasaron, pero que lles pediría respecto á ciencia e a investigación?

—Sempre adoito pedir o mesmo: unha carreira investigadora un pouco máis estable. Podes motivar á xente, pero se aos 50 anos está cun contrato co que non pode vivir... Non se trata só de potenciar as vocacións científicas, senón de darlle oportunidades á xente para que as poidan desenvolver en plenitude.

Ana García

—Moitos pacientes, como a pequena Daniela, unha nena pontecesá de 7 anos, teñen un diagnóstico grazas ao seu traballo. Que o motiva a continuar?

—O que me motiva é aliviar o sufrimento da xente, que hai moita que está moi necesitada e precisa un diagnóstico. É moi motivador botar unha man á xente que ten problemas, investigar as causas, buscar posibles medicamentos... Todo iso paga a pena.

—Todo depende da xenética?

—Non, nas doenzas un 50 % é xenética e o outro 50 %, ambiente. Somos xenes e somos ambiente a partes iguais, máis ou menos.

—Non paran de chegarlle novos recoñecementos, como o Premio Otero Pedrayo que recolleu hai pouco na Coruña.

—Ese fíxome particular ilusión porque é un premio do mundo da cultura, e que se considere a ciencia como parte da cultura é moi bonito. En xeral, os premios para min son secundarios, aínda que os agradezo porque sempre son mostras de cariño e respecto. Adoito dedicarllos ao meu equipo de investigación, porque eu son só unha cara visible.