Félix Neira recolle o patrimonio inmaterial legado por un crego de Pazos no século XIX

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

«Misterios e encantos de Bergantiños. O ouro soñado e outras quimeras» é o título do seu novo libro, que foi publicado en Embora e que se presentará este venres

28 dic 2022 . Actualizado a las 22:40 h.

O investigador e docente Juan Félix Neira Pérez despide este 2022 cunha nova publicación sobre Bergantiños, neste caso rescatando a figura de Rafael Ares y Torres, un crego que exerceu durante corenta anos en Pazos e deixou un importantísimo legado de cultura inmaterial. Misterios e encantos de Bergantiños. O ouro soñado e outras quimeras é o título deste novo volume, publicado ao abeiro da colección Costa da Morte da editorial Embora.

Rafael Ares, natural de Betanzos, chegou a Pazos en 1845 e prolongou a súa estadía ata o 1880, tempo durante o cal viviu na reitoral de Vimieiro, inmoble aínda en pé.

Durante os seus case corenta anos de sacerdocio, Ares preocupouse por «realizar unha ampla colleita de cultura popular, tanto da súa parroquia como doutras de Bergantiños», sinalan dende Embora. «Deixounos un capital inestimable de noticias sobre a vida cotiá», apunta o propio Neira Pérez no prólogo desta nova publicación, na que fai referencia ás facetas de «xeógrafo, historiador, antropólogo, etnógrafo, filósofo ou filólogo» do cura betanceiro. «Unha especie de Frai Martín Sarmiento instalado en Bergantiños», describen dende a editorial.

A pedra do xabrón ou a do raio, o trigal maldito de Mens, a viga de ouro, a morada de xigantes do castro de Ouxas, lendas dos castro de Coristanco, o tesouro celta de Lestimoño ou o arqueotopónimo da Mesquita son só unha parte da longa lista de bens inmateriais que recolleu Ares, párroco que ofreceu unha «xeografía sincrónica das lendas bergantiñás vivas durante o século XIX» —din dende Embora— un patrimonio que na súa maior parte acabou por desaparecer.

Neste novo volume, ilustrado cun debuxo da artista muxiá Viki Rivadulla, Neira tamén presenta un Ciprianillo de Beres que se conserva nunha vivenda de Cabana logo de pasar de xeración en xeración.

Este venres, día 30, celebrarase en Pazos a presentación oficial desta obra, da que máis adiante se falará na igrexa de Santiago de Mens (7 de xaneiro) e no centro de interpretación Dolmen de Dombate (28 de xaneiro).

A colección Costa da Morte da editorial Embora, na que se inclúe este volume, está dirixida polo filólogo Xosé Manuel Varela Varela. Nela teñen publicado libros Xosé Antonio Andrade Figueiras, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Francisco Bernis, Xosé González Reyes ou Xabier Maceiras Rodríguez.