«Cancioneiro de Buño», o libro «cofre de tesouros»

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Acolleu o instituto Parga Pondal de Carballo unha nova presentación desta obra na comarca

20 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Bule de actividade o instituto Parga Pondal de Carballo. Se este martes celebrarán o seu festival de Nadal no Pazo, unhas horas antes acollía o centro a presentación do libro «Cancioneiro de Buño», coplas recollidas no seu día, ano 1911, por unha mociña de Buño, Dolores Cancela. A obra, cuxo editor literario é Xosé Manuel Varela, levou ata o centro a Estevo Lista, sobriño nesto desta muller, e a Antonio Fernández, autor das fotografías da obra. Mais tamén a Xurxo Souto, inigualable mestre de cerimonias e narrador, catalizador de atención: «Este libro é un cofre de tesouros. O que hai aquí recolleuno unha rapaza de tan só 17 anos. Estas cantigas son unha viaxe no tempo», explicoulles aos rapaces, cos que xa tivera compartido coñecementos durante a xornada: «Somos un pobo de artistas, levamos máis de mil anos cantando en galego».

Antes que as Tanxugueiras, riu, xa estivo Rosalía, e moito antes as cantigas de Santa María. Outros tempos dos que tamén falou Estevo Lista, como xa se tivera feito nas anteriores presentacións da obra na comarca e fóra dela. El situou o traballo da súa antepasada na época na que lle tocou vivir: «Miña tía era unha rapaza da vosa idade. Tiña que traballar. Naquel Buño de oleiros os nenos tiñan que carrexar, tiñan que ir ao barreiro...».