Merlina

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

19 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou da familia Addams ata arriba. Volveuse tan viral o baile truculento de Jenna Ortega que sae en feixes de vídeos, reels e desas cousas que facemos a xente nova. A pesares de estar ata arriba de tales contidos, teño unha satisfacción plena en velos. Transmiten unha mensaxe fundamental: as nenas e adolescentes de hoxe en día séntense identificadas. Fano a través dunha figura gótica, subversiva, case emo, que rompe os canons habituais que imperan como referentes das pequenas. Na miña época levábamos estoxos de Hannah Montana, imitábamos aquela hipersexualización que proxectaba e pedíamoslle a nosas nais cores no pelo e cadeas que poñer de cinto, nos nosos pantalóns de cintura baixa.

Os referentes dos anos 2000 con películas como High School Musical representaban mozos populares, que conquistaban todo aquilo que facían. Addams identifica, precisamente, todo o contrario. Non todas as nenas entran no ideario de extraversión que todos pretendemos e considero que fomentar personaxes que presenten unha nena futboleira, punky ou emo é de recibo. Unha barbie non vai ser inclusiva por poñerlle rizos afros ou cor negra, que tamén. Cando lle ensinemos ás nenas que as mulleres non temos que ter beizos de Bratz ou unha figura imposible como a de Barbie, mostraremos que non hai molde prefabricado para as persoas.

Se eu puidera volver ser nena ou adolescente non vería en bucle os episodios de Disney, con todos eses nenos que proxectaban unha imaxe idílica e que moitos quedaron ancorados en drogas e precaria saúde mental. Vestiríame de negro sen estigma, bailando feliz, entre personaxe Adams e vestixio dos contos macabros de Egdar Allan Poe. O mundo cambia, a ver se nunha desas voltas que dá a vida, muda para mellor. Non me queda mellor desexo para este 2023.