Lea aquí os dez relatos premiados nos Contos de Nadal 2022

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MON OUTEDA

La Voz de Galicia e Radio Voz promoven este certame literario. Hoxe é a entrega de premios

17 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Cultura de Cee acollerá hoxe, sábado, ás 12.00 horas, o acto de entrega de premios da 19.ª edición do certame literario Contos de Nadal, promovido por La Voz de Galicia e Radio Voz co patrocinio de EDP Renovables e Fundación EDP. Os dez rapaces cuxos relatos recibiron unha maior puntuación polo xurado recibirán durante o encontro os seus galardóns. Actuarán ademais alumnos da Escola de Música e o narrador Fran Campos. Pode ler a continuación os contos premiados. 

O sorriso do Nadal (primeiro premio)

MARIÑA VÁZQUEZ ESPASANDÍN (COLEXIO LABARTA POSE DE BAIO)

Mariña Vázquez Espasandín (colexio Labarta Pose de Baio)
Mariña Vázquez Espasandín (colexio Labarta Pose de Baio)

Ao carón da lareira estaba Xoana escribindo a carta para o Apalpador, ao mesmo tempo que miraba como ardían aqueles paus de carballo que seu avó Pepe, amodiño e case sen forzas, puxera na pedra do lar.

Xoana, de súpeto, rompeu a carta en moitos anacos e botounos no lume.

—Que fas, Xoana? Por que rompiches a carta?, preguntou o avó.

—Avó, creo que o que lle ía pedir ao Apalpador era un erro, contestou. E comezou a escribir de novo a carta.

Querido Apalpador:

O meu nome é Xoana e este ano quero pedir algo moi especial. O agasallo non é para min, senón para o meu avó Pepe. Dende hai tempo vexo que está moi canso. Nos seus ollos vexo tristeza, as súas mans están temblorosas e apenas come. Cada día que pasa vexo que se vai apagando un pouquiño máis. Recordo aquelas festas de Nadal nas que el me axudaba a poñer o portal de Belén, a engalanar a árbore. Cada ano comprabamos algún adorno novo para colgar nela. Pasa que ao meu avó agora cústalle máis recordar as cousas, aquelas que tan feliz o facían e que cun sorriso na cara el me contaba cando pasabamos tempo xuntos. Por iso me gustaría pedirche que lle trouxeras aqueles recordos, aqueles que tan feliz o facían sentir, poder volver ver o sorriso na súa cara. Un bico. Xoana.

Chegou o Nadal.

—Papá, esta noite vén o Apalpador e se estamos espertos non nos vai deixar os agasallos. Quero saber se me vai traer o que lle pedín, dixo Xoana toda ilusionada.

—Si, papá, mellor imos para a cama, dixo Manuel.

—Está ben fillos: ide durmir que nós imos axudarlle ao avó a deitarse e imos tamén, contestou a nai.

Xoana e Manuel déronlle as boas noites e un bico aos pais e ao avó e fóronse deitar. Á mañá seguinte baixaron polas escaleiras para ver se o Apalpador lles deixara os agasallos e...

—Mamá, papá, avó, o Apalpador deixou agasallos!, berraron.

Todos se miraron e dixeron:

—O Apalpador esqueceuse do agasallo do avó! Xoana, apresurada, abriu o seu coa esperanza de que o que levaba o seu nome fose para o avó. Abriuno e comezou a chorar:

—Por que choras?, preguntaron os pais.

Xoana botou a correr cara a habitación do avó e pousou nas súas mans o agasallo, pero o avó case non era quen de termar del. Era un álbum de fotos. Ao abrilo o avó comezou a sorrir ao mesmo tempo que lle caían as bágoas polas meixelas. Aquel álbum estaba cheo de recordos coa súa familia. Ía pasando as páxinas e cada vez o seu sorriso era máis grande. O avó pechou o álbum, pero ao final había unha carta para Xoana:

Ola, Xoana! Espero que o agasallo que che deixei fose o que desexabas. Sabes que algún día ese sorriso non vai estar, pero cando así sexa e o queiras volver ver, pecha os olliños e deséxao con todas as túas forzas e así volverás recordar eses días marabillosos co teu avó e co seu sorriso especial. Un bico e unha aperta. O Apalpador.

Un Nadal moi especial (segundo premio)

LARA VIDAL RODRÍGUEZ (COLEXIO LABARTA POSE DE BAIO)

Lara Vidal, alumna do colexio Labarta Pose de Baio
Lara Vidal, alumna do colexio Labarta Pose de Baio

Había unha vez unha nena chamada Icía. Vivía nun pequeno pobo mariñeiro. No pobo de Icía xa case non quedaban nenos, pois a xente non tiña traballo e marchaba para a cidade.

Cando empezou a escola, os mestres decidiron xuntar todas as clases porque eran moi poucos nenos no colexio. Entre todos só eran doce.

—Que aburrimento!, pensou Icía o primeiro día de colexio. A mestra díxolles que ían empezar dous nenos novos, xa que viñeran vivir para o pobo e que ían pasar unha boa tempada alí. Icía estaba ansiosa por coñecelos. Os nenos chamábanse Fedor e Georgi, tiñan o cabelo moi loiro e os ollos azuis. Viñan de moi lonxe. Fedor e Georgi eran ucraínos e chegaran a Galicia coa súa nai e a súa avoa.

Icía era moi sociable, logo se fixo amiga deles e, aínda que non falaban o mesmo idioma, eles entendíanse. Icía axiña aprendeu palabras ucraínas e eles en galego.

Pasaron os meses e chegou o Nadal. A Icía encantáballe. A nena contoulles a Fedor e a Georgi que o día de Nadal, ela, seus pais e seus avós facían unha gran cea na casa, asaban castañas e cantaban panxoliñas ao carón da lareira. Fedor e Georgi escoitaban atentamente a Icía e alegráronse por ela, pero eles dixéronlle que este ano non ían celebrar estas datas, porque a súa nai e a súa avoa estaban moi tristes, xa que no seu país había guerra e o seu pai e o seu avó tiveran que quedar aló.

Chegou a noite de Nadal e Icía estaba sentada na mesa moi triste, pois pensaba nos seus amigos e no tristes que estarían esa noite.

A avoa de Icía preguntoulle que pasaba e a nena contoullo. A súa avoa era xa maior, unha muller forte, pero cando Icía llo contou os seus ollos puxéronse moi brillantes e caéronlle as bágoas. Entón a súa avoa mirouna fixamente e díxolle:

—Colle a chaqueta e lévame a casa deses rapaces.

A avoa e Icía dixéronlle aos demais que agardaran un anaco, que volvían de contado. Non se sabe como fixeron, pero ao pouco na casa da avoa de Icía eran catro máis á mesa. A avoa sacou do forno os lagostinos, o polo e as súas famosas castañas. Fedor e Georgi estaban moi contentos e á nai mais á avoa dos rapaces brillábanlle os ollos dunha forma especial. Ao rematar a cea puxéronse a cantar e a bailar arredor da árbore de Nadal. Esa noite Icía foi moi contenta para a cama e antes de deitarse foi a xunto a súa avoa e preguntoulle:

—Avoa, como fixeches para convencer á nai e á avoa dos meus amigos se ti non sabes ucraíno?

A avoa de Icía colleulle a man e díxolle:

—Icía, cando queiras axudar a alguén, o non falar o mesmo idioma non vai ser un problema, ti fai as cousas de corazón e xa verás como todo o mundo se entende.

Icía non entendeu moi ben o que lle dixo a súa avoa, pero ese Nadal pasárono xenial. Foi o mellor Nadal en moito tempo, pois cantara e bailara toda a noite e Fedor e Georgi estiveran con ela.

O roscón de Reis (terceiro premio)

TENIDUNNi ARIYO OLANIPEKUN (COLEXIO AS REVOLTAS DE CABANA)

Tenidunni Ariyo, alumna del CPI As Revoltas de Cabana
Tenidunni Ariyo, alumna del CPI As Revoltas de Cabana

Martiño era un neno ao que lle gustaba moito o Nadal. Así que nunha Noite de Reis, na que estaba dándolle unha dentada a un doce, o seu avó contoulle unha historia.

—Ven aquí, carrapucheiriño, vouche contar unha historia de Nadal.

—Ben! Conta, avó!

E comezou a contar...

—Sabes por que estás a comer un roscón de Nadal?

—Non, avó, por que?

—Vouche contar. Hai moitos anos vivía un panadeiro que non podía visitar os seus pais e familiares pola noite de Reis porque traballaba moito e eles vivían moi lonxe da súa casa. O panadeiro sentíase só e triste, pois non sabía que facer. Quedaba tan só cos seus doces...

—Que pena!, comentou o neno triste.

O avó seguiu:

—Entón o panadeiro tivo unha idea.

—Que idea?, dixo Martiño intrigado.

—Que ía facer un doce chamado o Roscón de Reis, para simbolizar a unión coa súa familia. A idea foi un éxito. Desde entón cada familia vai mercar polo Nadal o roscón. Desta forma lembrámola por moi lonxe que estea.

—Non sabía esta historia, comentou Martiño tragando o último bocado que lle quedaba.

—Recorda, Martiño, o Nadal é o momento para lembrar, compartir...

—E tamén para papar, non si?

[Riron os dous].

Que lle pasa a Papá Noel?

IRIA ÁLVAREZ ALLARIZ (COLEXIO MANUELA RIAL MOUZO DE CEE)

Iria Álvarez Allariz, alumna do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee
Iria Álvarez Allariz, alumna do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee

O meu nome é Venia. Son unha elfa que traballa na fábrica de Papá Noel. Encántame o meu traballo, non podo ter outro mellor. Levántome, poño o uniforme de fábrica e o primeiro que fago é acender as máquinas para facer os xoguetes. Despois abro as cartas que recibimos a noite anterior para o día seguinte fabricar os xoguetes que piden nelas. As cartas son moi variadas: algunhas súper divertidas, outras moi longas e outras un pouco tristes. Algúns días temos sorte porque Papá Noel está canso e mándanos pasear os seus renos. A min encántame porque podemos ver as auroras boreais, que son impresionantes. Tirámonos coa zorra polos cumes máis altos, pasámolo pipa con Rudolph, Dasher, Dancer, Vixen, Prancer, Cupido, Comet, Blitzen e Donner. Cando volvemos, como temos o nariz frío, tomamos un rico chocolate quente con churros e... de volta ao fogar con ganas de volver ao día seguinte.

A min encántame pasear aos renos porque son moi divertidos e sempre nos pasan cousas fascinantes con eles. Pero ultimamente Papá Noel mándanos máis a miúdo. É algo que me preocupa, o paseo dos renos para el era sagrado, incluso enfermo os paseaba. Os elfos fixemos unha reunión na fábrica porque todos estabamos preocupados por el. Ofrecémoslle a nosa axuda para facer o traballo e así cansaríase menos. Díxonos que moitas grazas, pero que non o podiamos axudar, porque non está cansado fisicamente, senón de mente. Non entendiamos nada, nós estamos cansados de darlle aos botóns das cores para pintar os xoguetes, estamos cansados de empaquetar xoguetes..., pero a cabeza cansada? Papá Noel, que traballa sen parar e percorre o mundo enteiriño nunha noite, está cansado?

Preguntounos se non notabamos algo diferente nas cartas. O meu amigo Euti, que sempre participa en todo, dixo: «Siii, Xa non piden xoguetes de madeira, piden sobre todo tablets, consolas...». Onni engade: «A maioría di que se portaron súper ben». Aino levanta a man: «Piden moitos xoguetes, non damos fabricado tantos. A verdade é que os xoguetes que piden agora son moi diferentes aos de antes, de feito tivemos que cambiar moitas máquinas para poder fabricalos, e tamén é certo que antes dicían que se portaran mal a miúdo, que non merecían moitos xoguetes. Agora todos son bos e piden moitos regalos!» .

Papá Noel asentiu coa cabeza, pero iso non era o que lle preocupaba, senón que ultimamente están a recibir cartas de nenos e nenas que expresan moita tristeza polo que están vivindo. Este ano recibimos cartas moi tristes porque moitos nenos e nenas nos falan da guerra, escriben que están separados dos seus pais ou que perderon algún ser querido. Que o seu mellor agasallo é estar cos seus e ter unha vida como a de antes. Papá Noel dinos que está triste polo que le, porque pensa que non vai poder cumprir con todas as peticións, o que lle provoca esgotamento. Todos lle dicimos: «Si que vas poder, sempre o fas! E tes a axuda dos teus renos».

Os elfos volvemos á casa bastante preocupados. Ao día seguinte traballamos moitísimo, fabricamos todos os xoguetes que nos pediron nas cartas, empaquetamos, abrimos máis cartas e paseamos aos renos. Kalevi tivo unha idea: hai máquinas vellas para facer xoguetes de papel. Podemos adaptalas para facer confeti, serpentinas, globos biodegradables... para cambiar a munición de tódalas armas do mundo e así o 25 cando queiran empregalas encherase todo de cor, alegría e música. «Cando disparen soarán panxoliñas, e tamén Rosalía e Quevedo», di Maki. A idea encantou e dixémosllo a Papá Noel. Abriu os ollos, sorriu e díxome: «Paréceme xenial». Fixemos horas extra, pero non importaba. Papá Noel comezou a pasear os renos e iso animounos.

Chegou o gran día. O 24 de decembro a zorra estaba súper cargada, traballou toda a noite. Ao día seguinte viu dende a súa bóla de neve máxica a cara de ledicia de todos os nenos e nenas abrindo os agasallos, pero máis aínda cando nos países en guerra dispararon e do ceo caeron globos, estrelas, confeti e serpentinas brillantes, acompañados de panxoliñas... Todos se asomaron ás ventás, saíron ás rúas a xogar... esqueceron por uns días a guerra. Os militares non paraban de disparar: parecíalles divertido e san.

Este Nadal regalaremos tempo

ANTÓN SÁMBADE VÁZQUEZ (COLEXIO MANUELA RIAL MOUZO DE CEE)

Antón Sambade, alumno do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee
Antón Sambade, alumno do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee

Chegando o inverno, os tres Reis Magos decidiron xuntarse porque xa non sabían que regalarlles aos nenos e nenas de todo o mundo.

—Os nenos de hoxe en día teñen de todo, dixo Gaspar.

—Si, xa é imposible dar con algo que lles guste. Nada lles fai ilusión, contestou Melchor.

—E se... regalamos cousas que non se poidan comprar?

—Si, home, ti es moi listo, sempre coas túas ideas xeniais. E que cousas non se compran? Porque que eu saiba os regalos sempre se compran, protestou Gaspar.

Baltasar ergueuse da súa cadeira e dixo moi tranquilo:

—Falo de cousas que aos nenos e nenas lles gustan moito, pero que non se atopan nas tendas. Ao final... de que lles serve ter mil xoguetes se non teñen tempo nin familia para xogar con eles?

—Vaia parvada, regalar tempo... Jajajajaja, parteuse de risa Gaspar.

—Pois é unha idea xenial, dixo Melchor. Este ano regalaremos caixiñas de tempo, ese tempo irase gastando e se lles gusta o regalo, poden repetir para o ano seguinte.

—Pois tamén tes razón, por probar... dixo o compañeiro.

Os tres Reis Magos estaban moi emocionados co regalo que ían facer, aínda que cun pouco de medo por se aos cativos e cativas non lles gustaba a idea. Ese ano, na noite de reis, repartiron miiiiiiles e miiiiiles de caixiñas de tempo. Para a súa sorpresa, a todo o mundo lle encantou o regalo, e dende aquela os nenos e nenas só piden tempo polo Nadal.

Que listas son as avoas (sexto premio)

VALERIA MARTÍNEZ GONZÁLEZ (COLEXIO A CRISTINA DE CARLBALLO)

Valeria Martínez e Mara García, alumnas de A Cristina (Carballo)
Valeria Martínez e Mara García, alumnas de A Cristina (Carballo)

Maruxa era unha nena que vivía en Fisterra. Sempre que lle preguntaban de onde era dicía: «Son da fin do mundo». E ninguén sabía por que...

Maruxa estaba encantada de vivir na súa vila, de correr polo porto, ver o mar dende o museo de San Carlos ou ver a mellor posta de sol do mundo: o solpor do faro de Fisterra. Ese olor a salitre, ese vermello alaranxado que se funde co mar cando xa o sol desaparece...

Un día Maruxa recibe unha mala noticia, por cousas que só os maiores entenden. Pasou uns días chorando, triste, sen falar con ninguén. Non quería falar do tema, ata que recibiu a visita da súa avoa. A avoa sempre tiña solucións para todo... e coñecíaa tanto que o sabía todo sen contarlle nada. Díxolle que, ás veces, se desexamos moito unha cousa e confiamos nela, pode facerse realidade. Era o único que lle quedaba, así que o día de Noiteboa, despois de axudar na casa, saíu dar un paseo ao faro. Alí sentouse nun dos golfiños que miran cara o océano e pediu con todas as súas forzas non ter que marchar nunca da súa querida Fisterra. Mesmo lle caeu algunha bágoa, pero confiou en que a situación se arranxase. Cando volveu á casa xa era hora de cear, axudou a poñer a mesa e cearon todos xuntos. Na sobremesa, a súa nai dixo que tiña algo que contar. Todos calaron e ela contou que a súa situación no traballo mellorara e que non terían que marchar para ningures, que quedaban en Fisterra! Maruxa baixou da cadeira dun chimpo e recordou todo o que lle dixera a súa avoa: «Os desexos poden facerse realidade». Que lista era a avoa de Maruxa...

Xunco, unha aldea pequena (sétimo premio)

MAURO LAGO ELORZA (COLEXIO MANUELA RIAL MOUZO, CEE)

Mauro Lago Elorza, alumno do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee
Mauro Lago Elorza, alumno do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee

Xunco era unha pequena aldea galega. Tiña trinta habitantes. Un deses habitantes era Xoán, un neno de oito anos moi bo e traballador. Cando volvía do colexio, tiña que axudar aos seus pais na granxa. Muxía as cabras, leváballe a comida ás galiñas, aos patos e aos coellos. Tamén collía a leña e metíaa no cabanel, para o inverno. Kike era o irmán de Xoán. Tiña catro anos. Estaba enfermo e non podía camiñar. Cada mes tiña que estar seis días no hospital. Xoán chamábao todos os días, pola mañá e pola tarde, contáballe chistes e contos para facelo rir: queríao moito e coidábao a todas horas. Xoán tiña un soño, que era ser Papá Noel, para poder regalarlle a Kike todas as cousas que quería, pero que os seus pais non lle podían mercar. Un libro de dinosauros para colorear, unha bóla do mundo e un triciclo eléctrico. O día 24 ás seis da tarde, Xoán estaba collendo herba para levarlle ás vacas cando escoitou á súa nai que o chamaba:

—Xoán, ven á casa que hai un rapaz que pregunta por ti ao teléfono.

Xoán achegouse. Era Víctor, un dos paxes de Santa Claus! Explicoulle que Papá Noel non podía repartir os regalos este ano, tiña coronavirus e debería quedar en Laponia. Víctor pediulle a Xoán se podía repartir os regalos aquela noite. Para iso, coa maxia de Papá Noel, as vacas e Duve, o can de Xoán, convertéronse en renos, e o tractor do seu pai nunha zorra voadora. Por fin Xoán podía cumprir o seu soño, e tamén axudar a Papá Noel. Traballou con moita ilusión aquela noite para que todos os nenos tivesen regalos ao espertar. Deixou para o final a seu irmán, e alegrouse cando descubriu que tiña todo o que Kike pedira. Ás sete da mañá acabou rendido e quedou durmindo. Ás nove soaba o espertador. Os dous irmáns erguéronse. Xoán levou a Kike ata o salón e axudoulle a abrir os seus regalos. Era o día máis feliz para Xoán: seu irmán tiña un sorriso enorme. Alguén timbrou na porta. Cando Xoán foi abrir, atopou a bici máis bonita que nunca vira. Tiña un carriño diante con dúas rodas pequenas para poder levar a Kike sentado! E un papel no que poñía: «Xoán, o esforzo e a bondade sempre teñen recompensa».

Un conto especial (oitavo premio)

Natalia Cameán (colexio Canosa-Rus de Carballo)

Natalia Cameán, alumna do colexio Canosa-Rus
Natalia Cameán, alumna do colexio Canosa-Rus

O Nadal da familia de Marta, unha familia de meigas e bruxos, foi do máis emocionante. Segue lendo e saberás o que pasou.

En todo o ano, Marta Meiga só dixo o mesmo:

—Para o Nadal só quero o libro «Meiga Mundo».

Por Noiteboa o Apalpador non lle levou o conto, pero os Reis si.

—Mamá, papá, avós, madriña, tíos, vinde!, berrou Marta. Trouxéronme o conto!

—Que ben filla, dixo adurmiñada a nai. Vai ler o conto mentres eu recollo o polo da noite pasada.

«Este é o mellor regalo do mundo», pensou para si Marta mentres ía ao seu cuarto. Mentres desempaquetaba o libro ensináballe ao seu gato as panxoliñas que lle cantaba súa bisavoa.

—O neno Xesús acaba de nacer, que ben, que ben que acaba de nacer! María feliz ela está, a estrela fugaz apareceu onda a vaca e a mula esta panxoliña cantan.

Parou de cantar e abriu o libro.

—Catalina, mira!, díxolle á gata. Ven ao meu colo para ler o libro.

De pronto, Catalina a gata e Marta apoiáronse no libro e apareceron nun mundo extraordinario. Tiña setas cor arco da vella e en vez de paxaros eran libros, as árbores falaban... era todo maxia e emoción. Entón Marta atopou a saída e metéronse por ela. Cando volveron contoullo á súa familia e dende entón é alí, nese mundo máxico, onde celebran o Nadal. Como eran meigos decidiron compartir ese libro con todo o mundo: desta maneira, todas as persoas da terra pasarían un Nadal sen guerras, sen pandemias e rodeados da xente que máis quere.

Laponia (noveno premio)

LAURA RODRÍGUEZ (COLEXIO ALCALDE XOSE PICHEL DE CORISTANCO)

Laura Rodríguez, alumna do colexio Alcalde Xosé Pichel (Coristanco)
Laura Rodríguez, alumna do colexio Alcalde Xosé Pichel (Coristanco)

Os nenos de cuarto do Xosé Pichel fomos de viaxe. Todos xuntos en avión. Non imaxinades cantas sorpresas xeniais.

—Ola, fálalles a comandante Luísa Facal. O voo vai durar cinco horas, prevese bo tempo. Necesitarei un axudante na cabina porque ó segundo piloto deulle unha cagarría.

—É Luísa!

—É a profe!

—Sabe pilotar un avión!

Luísa a piloto elixiu de axudante a Jorge. Ela non sabía que Jorge suspendeu xeografía. Grazas a el perdémonos.

—Fala a comandante do voo Coru2013. Estamos sen queroseno. Solicito permiso para aterrar.

—Aquí torre de control Laponita 23. Permiso concedido.

Aterramos. Todos estabamos ben. Todo estaba branco de neve. As árbores, as casas, as estradas... Estabamos en Laponia.

—Aquí vive Papá Noel!

—Imos visitalo!

Axiña nos puxemos a planear a visita. Alugamos uns renos e puxemos rumbo. Ao chegar, os elfos ameazáronnos con bastóns de caramelo, porque chegamos sen invitación e tiñan moito traballo.

—Fóra de aquí!

—Temos que entregarlle unha carta a Papá Noel.

—Tamén podemos axudarvos co traballo...

—Mmmmm... Vale.

Os elfos leváronnos ao despacho de Papá Noel. Estaba lendo miles de cartas de todo o mundo. Tiña tanto traballo que lle propuxemos axudar co reparto de regalos ese Nadal. Así que, este ano, os compañeiros de cuarto fomos pequenos Papá Noeles por unha noite.

Na Costa da Morte os desexos cúmprense (décimo premio)

MARA GARCÍA SUÁREZ (COLEXIO A CRISTINA DE CARBALLO)

O día antes de Noiteboa Mara e a xente de Muxía xuntáronse, como todos os anos, na praia de Lourido. Dende alí desfrutaban vendo pasar as baleas que ían en busca de augas máis cálidas para pasar o inverno.

O que non sabía Mara era que, mentres todos desfrutaban da paisaxe, unha das baleas nadaba moi contenta cando, de súpeto, escoitouse un ruído moi forte que viña da Furna da Buserana. Soaba cada vez máis e máis forte... Era un golfiño que chiaba porque quedara atrapado na rede dun pescador. A balea decatouse cando se acendeu o faro. Viu que a familia do golfiño ía na súa busca e foi axudarlles.

A rede afloraba por riba da auga e a pesares de que intentaron arrastrala, non foron capaces. Á balea ocorréuselle facer ruídos e lanzar auga para pedir axuda aos veciños. Mara decatouse do perigo e contóullelo a estes. Nese intre recordou o que a súa avoa lle dicía sempre: «Se desexas moito unha cousa, confía en ti e ocorrerá». Así que desexou con todas as súas forzas que o golfiño se salvara. A xente repartiuse e seguiron a Ruta dos Faros ata chegar moi preto do golfiño. Entre todos sacárono da rede e, moi contento, xuntouse coa súa familia.

Antes de seguir camiño, as baleas e os golfiños, como agradecemento pola axuda, emitiron uns fermosos sons que os veciños aplaudiron. A xente de Muxía foi para a casa satisfeita porque na Costa da Morte, o que se desexa con moita forza... cúmprese! Este Nadal, neste currunchiño do planeta, na cea familiar da casa de Mara, haberá tema de conversa: a nosa costa é unha parte importante da nosa vida, así que coidala e protexela é algo que nos sae do corazón.

Bo Nadal!