Máis dun cento de rapaces concorren ao certame Contos de Nadal de La Voz

xulián fernández CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Enviaron relatos alumnos de oito colexios da Costa da Morte

09 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis dun cento de nenos presentaron este ano relatos ao concurso Contos de Nadal que cada ano organizan La Voz de Galicia e Radio Voz co patrocinio de EDP Renovables e da Fundación EDP. En concreto, son 119 os estudantes de segundo ciclo de primaria dos colexios da Costa da Morte os que participan nesta 19.ª edición do certame literario, no que xa van máis 180 rapaces premiados coas súas respectivas obras publicadas nas páxinas do xornal. Moitos deles xa son adultos.

A iniciativa está dirixida a fomentar a creatividade, a escritura e o gusto pola lectura co mundo do Nadal como tema principal dos relatos, cuxo prazo de entrega rematou o 30 de novembro. Enviaron composicións nenos de oitos colexios. O centro con máis traballos foi do CPR Manuela Rial Mouzo, de Cee. Os outros que concorren son estudantes do CEIP Gándara Sofán (Carballo), Canosa-Rus (Coristanco), CEIP San Luís Romero (Carballo), CPI Xosé Pichel (Coristanco), Labarta Pose (Baio), CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños) e CEIP Plurilingüe A Cristina (Carballo).

Un xurado formado por Emilio Roca, exprofesor de A Ponte do Porto; María José Queiro, tamén exprofesional do ensino, de Vimianzo; Tania Carreira, técnica de Turismo de Zas; Patricia Blanco, xornalista de La Voz, e Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo, valoran os contos e elixirán os dez finalistas así como aos gañadores desta edición.

O resultado darase a coñecer este domingo nestas mesmas páxinas. E os premios entregaranse no transcurso dun acto previsto para o sábado día 17.

Os participantes fan gala dunha gran imaxinación e, a pesares de ser nenos dunha corta idade, amosan unha gran calidade literaria. Dentro dun ambiente de Nadal desenvolven as súas tramas narrativas polos máis variados vieiros, dende marcianos que tamén queren celebrar estas festas, ata temas con gran carga emocional, como a ausencia de pais e avós en datas tan entrañables ou a actualidade da guerra en Ucraína, con moitas familias que sofren as súas consecuencias, máis en pleno Nadal. E incluso non faltan os malos que queren amolar as celebracións.