«A esencia da Fin», por José Manuel Pequeño

josé manuel pequeño castro

CARBALLO

BASILIO BELLO

PLUMAS CON MANDO | Unha parte do traballo busca que sexa Patrimonio da Humanidade

04 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A prolongación a Fisterra e Muxía é un itinerario singular con respecto aos restantes camiños xacobeos. E, precisamente, esa singularidade é o que fai que sexa complementario a todos eles, dándolle continuidade ao Camiño dos peregrinos chegados a Santiago.

Santiago é necesario, é Camiño, é remate, pero é tamén inicio e continuación para chegar ao Finisterre, onde o camiñante atopa a fin física e espiritual, a liberación do seu Vákner persoal.

Somos a Fin do Mundo, a Fin do Camiño. Este é o valor máis importante do noso Camiño, é a esencia. Outros países presumen e poñen en valor os seus finisterres. Sexamos intelixentes e aproveitemos esta potencialidade.

Nesta liña traballa xa a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, composta polos municipios de Ames, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Negreira e Santiago de Compostela. Primeiramente, para potenciar esa esencia da Fin, protexer e promocionar esta prolongación do Camiño de Santiago, que leva séculos atraendo a milleiros de peregrinos ata o final da Terra coñecida no mundo antigo; a ruta que, seguindo o movemento do sol cara o occidente e o sentido que marca nas noites a Vía Láctea, trae os camiñantes ata onde se apaga o último raio de luz sobre o continente.

Partimos cun claro obxectivo primordial: conseguir a delimitación física do mesmo para, posteriormente, procurar que sexa declarado Patrimonio da Humanidade, como xa o é desde hai anos o Camiño Francés, por exemplo.

O coidado do Camiño, pois, esixe dun traballo de recuperación e protección dos bens tanxibles, pero tamén do patrimonio inmaterial. E, cando falo de inmaterial, inclúo, ademais da cultura, da tradición e dos testemuños de ritos ancestrais que aínda seguen entre nós, a xente que vive no Camiño.

É imprescindible facer que a veciñanza se implique, que se sinta parte disto, que o viva. O fenómeno xacobeo apórtanos oportunidades únicas de interacción con outras culturas, de intercambio, de aprendizaxe e enriquecemento persoal, de convivencia entre os que percorren o Camiño e os que o habitamos.

O coidado do peregrino

Fundamental, así mesmo, é o coidado do peregrino, que precisa ser acollido como tal, e non coma un turista máis; sendo atendido como o era xa nos primixenios hospitais (coma o situado no lugar de Hospital do Logoso (Dumbría) e referenciado xa no século XIII).

E, por último, é un labor imprescindible da asociación a relación con outras Administracións. Precisamente, como parte disto, promovemos un plan de actuación orientado á mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas neste 2022, que é posible grazas ás achegas financeiras dos concellos, xunto co financiamento da Deputación da Coruña para o conxunto do proxecto, ao que se suma unha axuda da Axencia de Turismo de Galicia.

Este plan inclúe o ciclo de conferencias que se levou a cabo en Santiago de Compostela en novembro, que frutificou nunha exposición itinerante aberta á participación da poboación local e tamén dos peregrinos.

Arrincou tamén o plan formativo dirixido ao sector hostaleiro, que, xunto con actuacións para a creación de experiencias turísticas, coma a celebrada esta mesma semana no Parador de Turismo, busca a implicación do tecido empresarial.

En colaboración coas universidades desta provincia, estase levando a cabo un estudo do perfil do peregrino que reverterá nun informe que presente alternativas para o deseño dun sistema de cómputo de peregrinos, que é unha das grandes debilidades que temos aínda hoxe de cara a un recoñecemento real e xusto deste Camiño.