Últimos días para participar no certame Contos de Nadal de La Voz

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Iria Álvarez Allariz, alumna do Manuela Rial Mouzo, gañadora da 18.ª edición
Iria Álvarez Allariz, alumna do Manuela Rial Mouzo, gañadora da 18.ª edición ANA GARCIA

O concurso, dirixido a alumnos de segundo ciclo de primaria, chega xa á súa 19.ª edición. ¡Bule! Hai prazo ata o 30 de novembro

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cómpre non demorarse. En tan só uns días, este vindeiro 30 de novembro, concluirá o prazo de participación nun dos concursos literarios más agardados polos escolares da Costa da Morte, o certame Contos de Nadal que promoven La Voz de Galicia e Radio Voz. Unha convocatoria consolidada, algo que acredita o número de edicións. Cumpriu no 2021 a maioría de idade, así que esta nova entrega será xa a 19.ª. A ela están chamados a participar estudantes do segundo ciclo de primaria —cursos de terceiro e cuarto— dos colexios de toda a Costa da Morte, isto é, as tres comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, así como o concello de Cerceda.

O concurso, patrocinado por EDP Renewables a través da Fundación EDP, naceu co ánimo de espertar a creatividade literaria e pulsar vocacións de escrita nos máis novos, aproveitando unha data como o é o Nadal, que tanto soe tirar da imaxinación. En canto a temática, non hai pois máis requisito que o de que garden relación con esta época do ano, xa sexa tirando de tradicións, de imaxinario colectivo, de lendas, de historias persoais, de paisaxe e territorio... A extensión ha de ser duns dous folios (dúas caras) ou uns 1.500 caracteres, no caso de escribirse a ordenador. Os traballos poden ser remitidos dende os centros á delegación de La Voz en Carballo (rúa Gran Vía, número 84, primeiro piso, código postal 15100) ou ben, preferentemente, enviados por correo electrónico a eventos.carballo@lavoz.es.

Un xurado encargarase de ler todos os traballos, seleccionándose finalmente os dez con maior puntuación. Deses, os autores dos tres máis valorados recibirán cadanseu premio, así como diplomas. Haberá destes últimos, tamén, para os sete restantes textos.

Foi o parador de Lourido, en Muxía, o escenario da última entrega de galardóns, en decembro do 2021. Déronse cita alí os gañadores das edicións do 2020 —non se puidera facer a entrega por a causa da pandemia— e do 2021. Na 18.ª convocatoria gañou Iria Álvarez Allariz, estudante do colexio Manuela Rial de Cee, polo conto que titulou O valor do Nadal.