Un paseo de vagar pola Costa da Morte con Stanley Whittingham

jorge mira pérez

CARBALLO

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe Jorge Mira Pérez | Cando lle propuxen o percorrido, o Nobel de Química non dubidou un só minuto

20 nov 2022 . Actualizado a las 23:13 h.

Stanley Whittingham, profesor da Universidade Estatal de Nova York-Binghampton, foi galardoado en 2019 co premio Nobel de Química pola invención das actuais baterías recargables. Todos levamos enriba o seu invento, porque son a base sobre a que se sosteñen os nosos teléfonos móbiles, todo tipo de dispositivos portátiles, coches eléctricos, plantas de almacenamento de enerxía e moitos outros. O seu traballo revolucionou o mundo.

No momento actual lidera unha das principais accións estratéxicas dos Estados Unidos no eido da enerxía. Ten contacto ao máximo nivel na política dese país, e estivo tamén na cúpula de investigación da petroleira Exxon. Iso outórgalle unha visión moi privilexiada de moitas das tendencias da xeopolítica mundial.

Levou moito tempo convencelo para que viñese a Galicia no marco do Programa ConCiencia —desta volta colaborou comigo o Colexio Oficial de Químicos de Galicia— e de feito esta foi a súa primeira viaxe a Europa dende a cerimonia do Nobel hai tres anos. Na súa decisión de vir axudou o feito de que eu e persoas do meu grupo teñamos traballado co Premio Nobel John Goodenough, que o levou canda el pola invención desas baterías recargables.

Tan pronto lle comentei que son da Costa da Morte, e que adoito levar aos meus convidados á miña terra, non o dubidou nin un momento: os seus pais vivían a escasos quilómetros do Land’s End, o punto máis occidental de Inglaterra, na rexión de Cornualles, que para os ingleses é un lugar mítico, un equivalente xeográfico ao que a Costa da Morte supón para España. Sentiuse como na casa. Mesmo a chuvia persistente que nos acompañou durante o percorrido lle resulta familiar.

Empezamos o percorrido pola ponte de Brandomil (Zas) e vendo os restos romanos desa vila. Na ponte intentou mirar se no extremo podía ver algún resto da vía romana. Continuamos polo Ézaro (Dumbría), a ver a cascada e o miradoiro. Ao ser o director do centro de almacenamento de enerxía do noroeste dos Estados Unidos —no estado de Nova York—, amosouse moi interesado na alta concentración de produción eléctrica da zona. Obviamente, xa se dera conta do elevado potencial eólico da Costa da Morte. Na volta, como iamos pasar polo Instituto Fernando Blanco de Cee, deille unha chamada rápida ao meu irmán —é profesor de Física e Química nese instituto— por se andaba por alí —coñecéranse o día antes en Santiago— e alí nos baixamos de sorpresa. Abofé, toda unha experiencia para a comunidade de profesores e alumnos dese centro!

El premio Nobel, con el alcalde fisterrán, José Marcote
El premio Nobel, con el alcalde fisterrán, José Marcote

Continuamos ata Fisterra. Chamoulle a atención a praza Stephen Hawking e todo o simbolismo do lugar dende a época romana. Ao marchar tivemos un momento para ver unhas raiolas do sol e conteille as singularidades que teñen as postas de sol de aquí.

Tamén se interesou polas orixes celtas de Galicia, e fomos ao Castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños). Encantoulle o aspecto virxe da contorna e o vigor do manto de árbores. A continuación continuamos polo Dolmen de Dombate, no que estivemos falando dos paralelismos dos restos megalíticos do arco atlántico, dende Galicia ata a Bretaña e as illas británicas. No museo do dolmen estivemos un bo tempo diante dos mapas, falando de aspectos de arqueoastronomía, sobre todo no que atinxe á orientación solar dos megálitos, e, como non, acabamos falando de Stonehenge.

Para rematar, fomos a Baio, para ver o que é a contorna fluvial do paseo ata a carballeira, e ao ver a placa da nova praza vai e dime: «entre o da medalla de investigación de Galicia e o da praza, menudo ano levas, non?». Non está mal o comentario, máximo vindo dun Premio Nobel…  Fala da posibilidade de volver, para ensinarlle a Costa da Morte á súa muller, profesora de literatura latinoamericana tamén na Universidade Estatal de Nova York. Oxalá as súas ocupacións llo permitan.

DNI

Jorge Mira Pérez (Baio, 1968) acaba de ser galardoado coa Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (o principal premio científico de Galicia) na categoría de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación «pola orixinalidade e calidade da súa traxectoria científica, con notables contribucións a un grande abano de disciplinas». Mira Pérez é catedrático de electromagnetismo na Facultade de Física da Universidade Santiago. Ademais da Medalla de Investigación da Academia das Ciencias ten recibido outros recoñecementos e desenvolve un importante labor de divulgación científica a través de diversos medios.