Crítica teatral | Sobre Leo Bassi | Vivir na gloria

Santi Pazos

CARBALLO

BASILIO BELLO

FIOT | ESCRIBE SANTI PAZOS | Polo que vimos en Carballo, podemos dar fe que da cabeza está tan perfecto ou imperfecto como estivo sempre, aloucado, extravagante e razoablemente crítico

18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para vivir na gloria primeiro hai que alcanzala e non cabe dúbida que Leo Bassi leva moito tempo residindo por esas latitudes. Unha situación estelar gañada con moito esforzo, intelixencia belixerante e creatividade irreverente, iconoclasta, e provocación radioactiva. Tamén é certo que se ben «20 anos non son nada» como nos recorda o famoso tango, 60 de profesión e 70 vividos deben pesar o seu. Intelectual e fisicamente. Polo que vimos en Carballo, podemos dar fe que da cabeza está tan perfecto ou imperfecto como estivo sempre, aloucado, extravagante e razoablemente crítico e consciente de como funciona o mundo no que vivimos, os enganos do poder e a pasividade do público. Mais o corpo reséntese e nota que xa non funciona con aquela axilidade e enerxía atómica co que o facía decenios atrás.

Así e todo, o importante é que o espectáculo debe continuar. No Paticano teñen que seguir a celebrarse os ritos e cerimonias necesarias para que os fregueses da confraría da risa non se desnorten e extravíen nas traxedias cotiás ou neses grandes conflitos que acurralan a paz mundial. Benditos sexan os cómicos!

E mentres o pallaso, o gran histrión, fai de borracho para que o público goce escoitando esas grandes verdades que só se poden nomear baixo a eximente embriagadora da cómica retranca e a ironía pérfida, soa de fondo un melancólico piano (Erik Satie?) como anuncio dun final que retrasa todo o que pode sentíndose un «puto vello decadente!», pero sen deixar de berrar «os vais a cagar!», para non vivir coma unha merda.

Eu, como tamén di Leo Bassi, pensei en morrer antes dos 50, como eses poetas e músicos malditos que son recordados como seres únicos e inimitables. Sen embargo, como repite este gran clown, co paso dos anos entendes mellor por que es como es.

BASILIO BELLO

Resulta entrañable ver como conserva esa xuvenil acidez crítica e rebelde dentro dun corpo cheo de cicatrices provocadas pola incomprensión desa caterva de fanáticos que sempre quere impor o sacro imperio das verdades absolutas para termos controlados.

Non son eu moito de circo e menos de pallasos, pero penso xa hai moito tempo que aprendín a distinguir entre un artista e un carteirista. E no caso de Leo Bassi, aínda aceptando que xa non é aquel que ameazou con queimar o Cine Rega co público dentro para mobilizalo despois e invadir a rúa, teño que admitir que merece recoñecemento, respecto e admiración.

Como non era para menos, o público fioteiro aplaudiu con entusiasmo e posto en pé. En certo modo, unha homenaxe merecida para un artista que, como debe ser, non se retirará nunca. Repito, benditos cómicos!

Saúde e larga vida…