Tamén país de xente nova

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

03 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días publicábase un artigo falando de Luar, o programa de entretemento máis lonxevo da TVG, e a súa relación ca xente de idade provecta. Seguindo o fío, exquisito e fabuloso de Manuel Abad, gustaríame aclarar que o Luar tamén é territorio de xeracións novas coma min. Iso apréndelo cando non saes de festa, quedas a ver o Luar coa familia e gozas de cada comentario dos avós. Chega un día que o avó xa non sabe quen é o seu neto, nin recoñece á muller coa que compartiu media vida. E aí como, case por arte de maxia, o ancián sinala a pantalla e di que aí está Gayoso, con ese sorriso que che enche de tenrura cando xa nin sequera fala. Chegará un intre que esa neta se anote á sección de Recantos para cumprir o soño que sempre albergou: ser artista. Cando se suba a ese escenario, íntimo e intimidante, recordará con tristeza cantando as coplas dos avós aqueles versos que lle cantaban de pequeniña: o cariño verdadeiro nin se compra nin se vende. Quizais o avó xa non estea fisicamente pero, na Catedral do Folclore galego, a xente habita nun estado que excede o físico, transcende ao onírico e remata no sentimento. Creo que a meirande parte dos participantes de Recantos da Costa da Morte sentíronse realizados cantando as cancións de Escobar ou Antonio Molina que foron á Sesión de 52 de Quevedo para seus avós na mocidade. Completan así tamén un rito, o de postergar a vida propia dun ente non tanxible coma un programa de televisión, asegurando a continuidade de xeración en xeración. Si, país de vellos pero tamén de novos. Sería imposible que Luar chegase en caso contrario aos 30 anos de emisión.