Cero mulleres

Natalia Lema Otero

CARBALLO

19 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As eleccións están á volta da esquina. Nótase no ambiente dos discursos, nas charlas multitudinarias dos políticos e, por suposto, nas posibles cábalas sobre coalicións e achegamentos tácitos de ideoloxías. Auguro que han de ser uns comicios igualados pero, oxalá ,polo menos, exista máis presenza feminina. Como mulleres, poucas veces estamos representando un partido e, acotío, gozamos dun segundo plano, pasando apuntamentos, organizando e xestionando o forte dos eventos. Maila todo, somos minoría. Se chegamos ao poder adoita ser por rebote logo dunha dimisión ou mesmo dunha polémica. Cando saímos nos medios adoitan fixarse máis nos nosos estilismo ca na nosa voz, as sinerxías e os proxectos perden forza ante a frivolidade da prensa. Como sociedade aínda pensamos que unha muller política e emprendedora é unha petulante, fóra de lugar en comparación ca imaxe conformada de calquera político normativo. A verdadeira inclusión non é acabar as frases con xénero neutro, é poder subir a un estrado e falar co mesmo sentido crítico ca un home e causar a mesma opinión, libre de prexuízos, de cara á sociedade. Non se trata dunha loita de poder, para nada. Simplemente gustaríame ter unha referente muller, política, que lograse postularse para o poder executivo nacional sen ser segunda opción e de motu propio. O mundo precisa espellos nos que se poidan mirar as nenas do futuro. Que ser xornalista, científica, política ou enxeñeira non sexa un soño desbotado por falta de inspiración. O país ten que deixarse de construír a través de cores e pasar a construírse con ideas, con sentido de nación libre de minorías esquecidas e machismo. Oxalá unhas eleccións así, un mundo a esa semellanza.