Onde remata o verán

Natalia Lema Otero

CARBALLO

12 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Overán remata na Barca, non hai máis voltas que darlle. Non hai medias tintas, despois desta última romaría o verán achícase coma unha candea que queda sen cera abonda. O pasado sábado, non houbo medias tintas en Muxía. Parecía unha edición máis de toda a vida: a xente acampaba e a entrada era unha enorme ringleira de coches, nunha vila que nestas datas se enche de vida e algarabía. Por suposto que, na Barca, se viven excesos. Imposible que non se produzan nunha macrofesta desa magnitude. Maila todo, en xeral a xente que vai a Muxía vai a pasalo ben, sen causar estragos.

Na mañá do domingo, paseamos pola vila tranquilamente, gozando do amencer logo dunha noite máis ben curta. Escoitei difusamente as conversas que percorrían as rúas. Mozos que buscaban taxi, algúns que ían almorzar e os propios veciños do pobo que iniciaban a súa rutina. De feito, unha señora comentáballe ao seu acompañante que había tempos que non vía unha Barca tan repleta de visitantes. O que menos lle gustaba era o lixo que quedaba pola noite despois de beber tanto pero comprendía que a xente nova tamén necesitaba divertirse.

Quero facer fincapé nesa frase que parece unha premisa demasiado utilizada en balde, pero certa. A vida ten moitas etapas, demasiadas. Ás veces, queremos impostarnos moitas que non nos corresponden, saltando tempos, de maneira voluntaria ou non. A vida precisa que vivamos todo o que nos corresponde para poder sentir os pousos da infancia, a puberdade e a adultez.

Non podemos vivir a adolescencia sendo vellos nin pretender ser sempre nenos sen afrontar a tristeza que na vida tamén nos asolaga. Polo momento, gocemos deste verán que chega ao seu termo, namentres se presenta o outono incerto.