Canta festa!

Vicente de Lema CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén unha boa fin de semana de xolda. Onte foi o día grande da romaría dos Milagres de Caión, festa de relevo onde as haxa. Milleiros de persoas acoden cada ano á beira do Atlántico para gozar das celebracións. Uns van peregrinando. Outros chegan nos modos máis variados para cumprir cos rituais dos seus antepasados. É tamén un lugar de encontro, una maneira que verse familias, amigos e veciños que acostuman a acudir a estas citas cos fitos relixiosos. En Ponteceso hai unha Barquiña chea de encanto popular, con moita vida na rúa. E xa é casualidade que os dous lugares postos na historia como o destino da fin do Camiño compitan esta fin de semana polos romeiros, peregrinos e trouleiros varios. É unha ironía do destino que todo o Fisterra estea sumido en ruada esta fin de semana. A Barca de Muxía é a gran romaría de Galicia. Ese lugar bendicido pola man da historia e a relixión para converterse nun espazo de fantasía no que a tradición fixo navegar a Virxe nunha lancha de pedra ao pé do Apóstolo. A mesma rocha dese abalar permanente en misterios insondables. A asombrosa atracción das rochas segue viva na punta da Barca, mentres os ofrecidos rezan ladaíñas pola vida, a sorte e a saúde. A festa da Virxe pequena que cantou Lorca, a do tellado de pedra que ben puido ter sido de ouro, que diría Rosalía, continúa ben vigorosa. E Fisterra, a gran proa atlántica, tamén anda de foliada. A patroa e o Carme son xornadas de peso na fin do mundo. Ese lugar ao que a humanidade vén peregrinando dende o principio dos tempos. Ir ata alí sempre é unha celebración, sexa o día que sexa do ano. Nunca estará só o gran emblema de Galicia, ese punto que marca a fin e o destino das persoas. Cómpre non perder o tino.