Os proxectos culturais son motores de cambio para recuperar a vida no rural

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

AMEIXEIRAS

Aldeas singulares, a debate en O Couto | Artistas, analistas e líderes de entidades cren que hai que xerar «felicidade»

06 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«A felicidade, o benestar». Así resume o humorista e artista Xosé Antonio Touriñán o froito de proxectos culturais como Castelo Conta e que el lidera na súa aldea natal de Culleredo e moitos outros similares que foron obxecto de exame este ano no sétimo encontro de Aldeas Singulares celebrado o domingo no Couto con ocasión do Festiletras. Estiveron tamén no debate o músico asturiano Rodrigo Cuevas, que organiza no seu pobo o festival Una señora fiesta e promove a recuperación dun vello teatro por medio de La Benéfica; Ramón Varela Rodríguez, da Escola do Alprende (Oza-Carballo); María Esmorís Puñal, de Arume (Berdillo-Carballo), e Jaime Izquierdo Vallina, especialista en desenvolvemento rural e escritor asturiano. Tamén se sumaron á mesa redonda para a súa clausura o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido.

González Formoso sentenciou que no rural hai «a sensación de que o seu destino se decide nunha consultora da Castellana de Madrid». Lamentou que as solucións que se ofrecen para o mundo das aldeas sean pensadas dende a distancia. A súa intervención deu lugar a un vivo debate nos últimos minutos sobre a eucaliptización e a destrución das paisaxes tradicionais. Carballido valorou as reflexións que cada ano se levan a cabo nas Aldeas Singulares e destacou a participación de persoas que lideran proxectos que dan vida a novas iniciativas.

Rodrigo Cuevas comentou que festival que promove el en Vegarrionda, Asturias, trata de ser un «pequeno referente, sostible», con aforo limitado a 1.000 persoas. Ademais rehabilita en Piloña un teatro de 1926 abandonado. Faino a través da entidade La Benéfica, o que supón un esforzo transformador de gran impacto.

Ramón Vázquez Rodríguez apuntou que a iniciativa da Escola do Alprende parte do baile tradicional co que tratan de buscar contextos creativos nos que poida participar a xente e cultivar a esfera comunitaria. Pola súa banda, María Esmorís, contou o proceso de creación da entidade Arume de Berdillo, que cumpre o seu 40.º aniversario, e que tivo unha gran importancia no nacemento do colectivo o crego Constantino Campos e a «xente comprometida co entorno».

Xosé Antonio Touriñán manifestou que o festival Castelo Conta naceu dunha necesidade. A comisión de festas quedara empeñada e el convocou aos seus amigos humoristas para un encontro de contacontos para recadar fondos. O éxito foi tal que este ano xa foron oito días de concertos, andainas, citas gastronómicas, sesión de monólogos e outras actividades. Dixo que se inspirara no Festiletras: «Eu quero unha aldea como O Couto». Hai actores que queren participar aínda que non haxa cartos, chegou a dicir.

Jaime Izquierdo resaltou a importancia destas iniciativas, que están ao marxe dos organismos públicos. A Administración sempre foi «antiinnovadora», afirmou. Explicou tamén o proceso polo que as aldeas perderon a súa función comunitaria, se ben, actualmente, está recuperando o seu orgullo e pódese producir dende calquera lugar. «La limitación estará en tu propia creatividad. Lo genuino ahora está en la aldea», sentenciou. Non entanto, sinalou que é necesario establecer tres sistemas: o agroecolóxico, o enerxético e o de empresa local. Loou as iniciativas culturais e artísticas porque, na súa opinión, «son grandes regeneradores del paisaje local».

Rodrigo Cuevas indicou que sabe que a súa iniciativa non é algo que inventara el só. Touriñán engadiu: «Fainos felices», se ben recoñece que ao estar eles ao fronte teñen a oportunidade de darlle moita máis visibilidade.

Todos os participantes están de acordo con que estes proxectos culturais contribúen a mellorar o entorno, e acaban dando lugar a outras propostas, como deporte, xestión de montes ou similares. Tamén apuntaron que as Administracións axudan máis en anos electorais, pero en xeral élles difícil entender propostas con moita novidade. «Ás veces sentímonos que servimos para cubrir determinados programas institucionais», afirmou Ramón Varela. Destacan, por outra banda, algunhas empresas privadas que aportan gran axuda, como Deleite ou Estrella Galicia.

En xeral, o que pretenden é recuperar comunidade, segundo Jaime Izquierdo. «Logo, o cultural evoluciona cara outros ámbitos», sinalou Ramón Vázquez noutro momento. Izquierdo Vallina agregou que «los valores de la economía circular ya estaban inventados en la aldea». E propuxo a idea de fomentar a «concertación parcelaria», en vez da concentración parcelaria. El quere replicar modelos de éxito. Rodrigo Cuevas valorou que Galicia aínda logrou manter «un poderío cultural que noutros lugares conseguiron aplacar». E criticou a falta de apoio das Administracións, que non son capaces de facer que se invista todo o diñeiro que vén de Europa para o rural.

En xeral, están convencidos de que os proxectos culturais que promoven xeran comunidade. «Facemos máis atractivo o entorno», afirmou María Esmorís. «Xuntarse para a festa é o noso xeito, e darredor da festa vén ou outro. Isto é investir en felicidade», concluíu Touriñán. Créanse vínculos co territorio, segundo Varela, mentres que Cuevas pensa que estas iniciativas son «xeradoras de cambios».