Touriñán: «A Costa da Morte é das zonas que máis visito por cultura, gastronomía e descanso»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Touriñán xa estivo no Festiletras o pasado verán
Touriñán xa estivo no Festiletras o pasado verán Ana Garcia

A REMOLLO | O humorista estivo recentemente por Canduas e Caldebarcos e hoxe recalará no Festiletras do Couto

04 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Antonio Touriñán, coñecido polo seu característico humor e o seu bo facer sobre os escenarios e ante as cámaras, recalará hoxe no Couto, en Ponteceso, con motivo da celebración do Festiletras. Participará nunha mesa redonda sobre aldeas singulares, un tema no que el ten experiencia polo Castelo Conta, festival que promove no seu municipio natal, Culleredo (1980). De tódolos xeitos, a Costa da Morte é unha comarca que coñece ben, tanto por acudir a ela con frecuencia por traballo como por elixila para pasar un bo rato sempre que pode.

—Vai de aldea en aldea. Que representan para vostede?

—Unha maneira de estar e de desfrutar. Vivo no rural e póñoo moito en valor, máis aínda desde a pandemia polo feito de poder respirar aire puro e vivir tranquilo e con moito espazo. A aldea é o meu lugar. Nacín en Castelo e, cando puiden, comprei unha finca e fixen a miña casa. E estou perfectamente. No meu oficio, cada día estás nun lugar. Normalmente, a complicación de afincarse no rural son as comunicacións tanto de transporte como de Internet, pero eu teño a sorte de estar a oito minutos do aeroporto e a dez da estación de tren.

—O Festiletras gáñalle ó Conta en edicións, iso si. Mesmo ten dito que debe ser das poucas aldeas no mundo cunha actividade tan intensa.

—Custa moito traballo e diñeiro sacar estas iniciativas adiante, e máis aínda nun lugar pequeno no que non hai infraestruturas como é Castelo. Precísase moita vontade da xente que vive nos lugares. Creo que só con iso se pode conseguir facer algo así. No Castelo Conta todo Dios bota unha man, unhas sesenta e cinco persoas estiveron durante sete días este ano axudando día e noite. O apoio das institucións tamén é fundamental. O Couto é un exemplo, un referente para todos, de como hai que facer as cousas tras corenta anos levando a cabo as Festiletras. É unha aldea gala da Galicia, que trema da cultura galega e que intenta difundila cunha chea de actividades. Un lugar de semente, de cultivo, que busca tratar de non perder o noso idioma sobre todo.

—E que tal foi o verán?

—A verdade é que desfrutei, pero traballando case sempre. Tiven lío, sobre todo en agosto, e aínda estou ensaiando para unha nova produción teatral de nove a catro da tarde. Antes andei co Castelo Conta, que para min son as vacacións, pero supón traballo, traballo, traballo, e con máis cousiñas sempre: monólogos...

—Houbo tempo entón para darse un chapuzón no Ézaro, onde nunca falla, ou non?

—Para un par deles en Caldebarcos, Carnota, si. Tamén estiven en Canduas, Cabana, pero un día. De todos modos, a Costa da Morte é unha zona que me gusta para desfrutar non só en verán senón en inverno. Toda a zona de Balarés, en Ponteceso...

—Que é o que atopa nesta comarca que non haxa noutro lugar?

—Para min o Ézaro, Caldebarcos, Fisterra é dende neno unha zona que asocio ó descanso porque sempre vin de días libres e vacacións. Ata na lúa de mel [ri], fomos improvisando e a última semana decidimos botar unha semana en Carnota. Non sei que conexión teño coa Costa da Morte, igual é polo apelido, pero tírame sempre volver. É o meu lugar favorito pola gastronomía e a tranquilidade que ofrece. Por agora aínda se pode atopar un só nunha praia tan grande como a de Caldebarcos e Lira.

—Xa que saca o tema... En que lugar se deu a maior homenaxe gastronómica?

—Para min, a catedral sempre é a Casa da Crega, en Caldebarcos.

—E como se presenta o inverno? Visitará á zona?

—É das zonas que máis visito por descanso, cultura e gastronomía. A sobremesa e o paseo nunca faltan. Achégase o Outono de Teatro en Carballo, haberá que ir ver algo.

—Nas xuntanzas é vostede tamén o que pon o toque de humor?

—Son máis de facelo cando traballo, aínda que sempre depende de con quen esteas. Son dos que penso que a festa e o bo rollo conséguese xa só coa compañía. Máis importante que o lugar é ter bos amigos e boas amigas cos que rir. As sobremesas son un bo momento para sementar comedia.

—Este ano fixo o Camiño francés para a segunda canle da televisión pública española. Chegará algún día a Fisterra e Muxía?

—Se che digo que nunca fixen o Camiño... [ri] É algo que teño pendente e creo que esa ruta é do máis fermoso que se pode atopar calquera peregrino.

Máis a fondo

Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos? No San Xoán creo, aínda que me gustan moito!

Onde está o Cemiterio dos Ingleses? En Camariñas. De feito fun varias veces.

Cal é o único lugar do mundo no que un río desemboca en cascada? O Ézaro! A cascada está ben, pero o que máis me gusta é comer unha boa caldeirada de peixe por alí [ri].

Probou o percebe de Corme ou o longueirón de Fisterra? No percebe ata dei o pregón un ano. O longueirón non, pero estaría encantado eh! De todos modos, non podería escoller. Iso é como o de a quen queres máis, a papá ou a mamá? Imposible!

Recitaría uns versos de Pondal? Quizás os máis coñecidos son os do himno, «os bos e xenerosos... que din os rumorosos».

Bañouse algunha vez na Praia dos Cristais? Nunca estiven nesa zona de Laxe.

Cal é catedral do megalitismo? Supoño que Dombate, en Cabana. Visiteino. Este ano pasei por alí pero estaba pechado.

Con que solpor se queda da Costa da Morte? Fisterra ou Touriñán diría. Sobre todo este último xa só polo lugar [ri]. Ademais, debo dicir que o ano pasado desfrutei do Mar de Ardora en Rebordelo, Cabana, algo que non coñecía e, a verdade, é que é marabilloso. Velo unha vez na vida merece a pena, aínda que vaias tarde durmir.