Óscar Leis, excoordinador do Dumbría: «Pequeño e José Canosa foron uns adiantados»

CARBALLO

BASILIO BELLO

Este verán, despois de quince anos de traballo coa canteira, decidiu deixalo. Así fala

16 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se algo lle faltaba ao fútbol da Costa da Morte, polo menos ao das comarcas de Fisterra e Soneira, era o atractivo nas categorías base, pois ningún club conseguía asentarse nas divisións de ámbito autonómico e iso dificultaba a exportación de talento. Ata que chegou o Dumbría e nun decenio cambiou todo, competindo con infantís, cadetes e xuvenís nas mellores ligas. Un fito do que Óscar Leis (Lariño, 1976) garda boa parte da culpa como coordinador da canteira e como director deportivo. Este verán, despois de quince anos de traballo, decidiu deixalo.

—A que se debe?

—Necesitaba un cambio xa. Non chegou provocado por nada en particular, senón por unha serie de cuestións que me foron saturando e que fixeron que cada vez me fose desmotivando máis. Pero quero recalcar que non é algo concreto nin con ninguén. Son moitos anos de moito traballo e dificultade, porque hai que saber onde estamos e isto ten moito mérito.

—Como se uniu ao proxecto?

—Cheguei como segundo de Diego Lobelos para adestrar aos xuvenís cando José Canosa e Pequeño xa idearan este proxecto de canteira, no cal foron uns adiantados ao seu tempo en toda a zona. Primeiro estiven no céspede cos máis pequenos e despois José tivo que poñerse aos mandos do primeiro equipo e necesitaba a alguén que lle botase unha man na coordinación de toda a base e na busca de xogadores. E aí comezou todo, porque a min esa parte do fútbol e a que máis me gusta.

—Daquela era impensable crear algo así...

—Recordo que se falou con varios clubs para incorporar rapaces e facer unha especie de selección. O Concello colaborou moito, poñendo gratuitamente autobuses que recollían a nenos dende Carnota ata Fisterra para traelos a Dumbría. Entón foi un boom que en moitos lugares non sentou ben, coma sempre pasa cando hai unha idea tan rompedora co que había ata ese momento. Pero agradécese ver agora tan bo traballo en moitas canteiras desta zona.

—Cantas fichas puido chegar a ter nun mesmo ano?

—Uf, pois cerca de duascentas tranquilamente, porque sempre houbo dende o prebenxamín ao primeiro equipo e en moitas ocasións tivemos dous equipos de xuvenís ou de infantís. E, agora, dende que temos o feminino a cifra aínda se incrementou.

—É máis difícil facelo aquí do que podería ser nunha cidade?

—Pois non o sei, porque non estiven nese lado. Pero o aspecto económico, xeográfico e demográfico está aí e imaxino que xogará un papel importante.

—Houbo moitos grandes momentos, pero cal foi o máis difícil?

—Podería dicir algúns nos que non se conseguiron obxectivos que parecían case feitos, pero sen dúbida o peor son as lesións. E o susto de Fabián sobre todo, que comezou a convulsionar sobre o campo tras un golpe cando el aínda era cadete e eu estaba comezando no Conco.

—E agora, que toca?

—Primeiro buscar traballo, porque estou no paro. Pero intentarei seguir ligado ao fútbol, sobre todo como scouting, analista ou algo polo estilo, que é a parte que máis me gusta.