Marta Doviro: «A Costa da Morte éme fogar, familia»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Marta Doviro, onte, na praia de Quenxe, en Corcubión, antes de baixar ao Mercado Medieval
Marta Doviro, onte, na praia de Quenxe, en Corcubión, antes de baixar ao Mercado Medieval ANA GARCIA

A REMOLLO | Tíñao complicado, mais a comunicadora e monologuista puido achegarse onte a unha «cita obrigada» para ela: Corcubión e o seu Mercado, ademais da praia de Quenxe

24 jul 2022 . Actualizado a las 10:42 h.

Hai xa anos que ten o seu «campamento base» en Santiago, pero Marta Pérez Torre, Marta Doviro (1984), estivo sempre tan apegada a vilas costeiras e á Costa da Morte que o seu primeiro monólogo tiña que ser Memorias dunha rapasa da costa. Xa o trouxo a prazas como Fisterra, por onde estivo este xullo no entroido de verán. A tamén presentadora, dende V Televisión á TVG, sempre volve. Nota a falta do mar.

—Medrou entre Muxía e Corcubión.

—Embarazada de min, miña nai estaba no Ézaro. Do meu primeiro ao terceiro ano vivimos na Coruña, e logo a meu pai, médico, destinárono a Muxía. Alí pasei a infancia, dos tres aos dez. Dende os oito iamos, fins de semana e veráns, a unha casiña en Corcubión, diante da praia de Quenxe. Dos dez aos trece vivín na Serra de Outes e despois xa nos asentamos en Corcubión. Fun ao instituto a Cee. Cando rematei, a estudar a Santiago.

—Leva a terra no apelido.

—Meu avó paterno era de O Viro, en Outes. Xunteino todo para ese apelido artístico: Doviro.

—Que sente ao volver?

—Fogar, familia. Aquí tiven as primeiras experiencias, o colexio, saír de marcha, amores... Xogaba coas amigas nas pedras da Barca, tirábame do muelle de Quenxe...

—Percibe cambios? Ten nostalxia?

—En Corcubión non tanto, pero en Muxía si. Marchei de alí no 94, antes do Prestige, que para min foi un shock, pola paisaxe e polas xentes do mar. A maior parte das miñas amigas tiñan pais mariñeiros. Hoxe hai máis albergues, visitantes, peregrinos... En Muxía eu xogaba diante da casa, vendo o porto. Nas festas da Barca, tiña enfronte o palco, as atraccións. Isto mudou. Coma o faro de Fisterra, agora máis accesible, ben, pero aquel encanto que eu lle vía de pequena...

—Viu arder a Barca?

—As ceas de Noiteboa eran na casa do avó, en San Cosme de Antes, Mazaricos. Pola tarde os netos iamos con el a Muxía, á Barca. Cando ardeu, meu avó xa non estaba, pero foi xusto un día de Nadal, e acordeime tanto daquela tradición... É que o que non lle pase a Muxía! Pero é unha vila brava, están curtidos, saen adiante...

Doviro, no porto de Muxía, cos murais de Muros do Nordés
Doviro, no porto de Muxía, cos murais de Muros do Nordés

—Coñece a Ramón Caamaño?

—O seu neto é meu amigo. De nena estiven unha vez na súa casa. Era un señor moi amable, moi de falar. E as súas fotos, que pasada.

—Avós de Outes e Mazaricos?

—Os avós maternos son cántabros. Miña nai veu estudar farmacia a Santiago e coñeceu a meu pai. Meu avó paterno era do Viro, e coñeceu á miña avoa, de Brandomil. Fixeron casa en Mazaricos.

—Vén polas festas?

—Menos do que me gustaría. A Barca vivina de cativa, de marcha só un vez. Pero en Cee a Xunqueira; en Corcubión o Carme, o Mercado Medieval, San Pedro...; en Fisterra o Cristo, o longueirón, o Entroido... Este año tiña un desgusto tremendo por non ir ao Mercado, por actuacións, pero a final fixen un oquiño e vin.

—Sempre procura ir?

—Dende o primeiro ano. E vestida de época, primeiro con traxe alugado e logo xa cun propio. É cita obrigada. Miña nai xa está por Corcubión e eu en canto poida escapo para pasar aquí agosto. Por Cee, Fisterra... toda a comarca. 

—Como acaba una estudante de Farmacia no mundo artístico?

—Sempre foi o meu mundo, en realidade. Xa dende nena. En Muxía facía teatro, pintura... A primeira vez que presentei un acto foi en segundo de primaria, no colexio. Pero ao acabar bacharelato, na casa vían belas artes ou arte dramático como incerto, así que tirei por farmacia. Fixen tres anos e algún notable saquei, eh, pero madurei as ideas, non quería dedicarme a iso. Metinme en Deseño de Produto, logo chegaron as primeiras oportunidades como presentadora, actriz...

—E dende hai un tempo, cómica.

—Empecei antes da pandemia, e cunha acollida moi boa.

—Pois non é un mundo doado.

—Non, e hai moitas mulleres cómicas, pero menos visibilizadas, con menos oportunidades. A min abriume portas, quizais, ser unha cara digamos popular, pola televisión. Quero visibilizalas a todas.

—Díxoo ao gañar o premio Dorotea Bárcena.

—O meu primeiro premio, hai agora un ano. Falei co corazón.

Marta Doviro, rapasa da costa
Marta Doviro, rapasa da costa

—Tres veces nominada para os Mestre Mateo.

—Catro! [ri]. Xa o digo no monólogo, que son a única persoa que perdeu catro veces un Mestre Mateo. A xente ri, veche aí na miseira, pero dígolles que non é chiste, que é a verdade. Fóra broma e aínda que soe a tópico, que o gremio te nomine é un premio.

—Ten liñas roxas no humor?

—Teño gustos. A liberdade de expresión está aí, pero as cousas que dicimos a veces calan na xente. Non me gusta o humor racista, machista, sobre enfermidades...

—Que conta nas súas Memorias?

—Raíces, anécdotas ligadas ao carácter da Costa da Morte. Meu pai de médico en Muxía, como recibimos nós aos turistas, peregrinos... Eu teño unha pandilla autóctona, pero outra que é de xente de Madrid. Vivencias, pero con fantasía para o gag. Nunha segunda parte hai faceta profesional, a miña afección ao cine... Hollywood non ten nada que ver con Galicia. Que lle pasaría a Batman se fose, eu que sei, por exemplo a Carballo?

—Que lle pasaría?

—Hai que vir escoitalo!

Doviro, segunda pola esquerda, coas Encantetas
Doviro, segunda pola esquerda, coas Encantetas

—Que son as Encantetas coas que foi ao entroido de verán fisterrá?

—O grupo de amigas do Whatsapp [ri]. Todas somos mulleres, e encantadas de coñecernos, así que Encantetas. Foi a miña primeira vez nesta festa, espectacular, xa llo dixen á organización. Fomos de hippies, co primeiro que pillamos, pero xa vimos que os fisterráns o toman moi en serio, coma no entroido de inverno. Para o ano, prometo, serán palabras maiores.

Máis a fondo

Canto hai que non come sardiñas con cachelos? O último San Xoán, en Santiago.

Onde está o cemiterio dos ingleses? En Camariñas! Fun.

Esta é demasiado doada para vostede. O único lugar do mundo no que un río desemboca en cascada? O Ézaro, co río Xallas. Agora chégase á cascada por unha pasarela e con iluminación. Antes non. Cando eu tiña 15 anos, en vez de ir á praia, ía alí con algúns amigos que xa tiñan coche. Subiamos polas rochas, por camiños de terra. A cascada só abría un día á semana. Había uns tobogáns naturais... Pasaba alí a tarde coa pandilla. Sempre me trae recordos de todo isto.

Percebe de Corme ou longueirón de Fisterra? Quedo co longueirón, pero os percebes de Corme tamén os comín hai pouco. A festa foi un sábado e eu fun o domingo porque me enganei. Na carpa non quedaba nada! [ri]. Aínda así tomei uns percebes por alí, e moi ben.

Dígame uns versos de Pondal. Píllasme. Entre a miña mala memoria e que son malísima para a literatura...

Bañouse na Praia dos Cristais? Bañar non, pero ir fun.

Doviro acredita con esta imaxe que si coñece e foi á Praia dos Cristais
Doviro acredita con esta imaxe que si coñece e foi á Praia dos Cristais

A catedral do megalitismo? Dombate. Aínda fun hai pouco, ademais: o domingo no que pensaba que era a Festa do Percebe. Cando volviamos para a casa, vimos a sinal e paramos. Como cambiou todo aquilo! 

O mellor solpor? O do faro de Fisterra. Polo lugar no que está, que é especial, tan arriba, o misticismo, a vista tan marabillosa, o mar aberto de cheo para ti... Fisterra!

Onde ver a Marta Doviro e o seu monólogo próximamente...

  • Hoxe, 24 de xullo. Láncara (Lugo), 21.00 horas. 
  • 29 de xullo. Sarria (espectáculo Sen restricións), 21.30 horas
  • 1 de agosto. Casa Barqueiro (Negreira). 
  • 5 de agosto. Pontevedra, 22.00 horas
  • 26 de agosto. Mesía.