Ezequiel Mosquera: «O ciclismo non pode esquecerse desa masa que o fai exitoso»

Antón Lestón Lago
antón lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Basilio Bello

Pide unha necesaria reforma para a supervivencia das probas populares

19 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de organizar as sete edicións do Gran Fondo Ézaro, esta do 2022 é a que menos satisfeito deixou a Ezequiel Mosquera (Teo, 1975). A maioría dos participantes, en cambio, si volveron a quedar encantados coa dureza e o traxecto, pero decenas de críticas polo limitado intervalo temporal de corte e as súas conseguintes eliminacións da carreira, propiciaron un comunicado do máximo mandatario de Eme Sports, a súa empresa que organiza a cita. Un escrito no que reflexionaba sobre a necesidade de cambiar a planificación e o reglamento das competicións ciclistas populares, que pouco a pouco van desaparecendo do calendario nacional.

—Entendeu as críticas?

—Si, claro. Sabemos que esta non foi a mellor das edicións, pero de todas intentamos aprender. É más que comprensible que unha persoa que gaste 12.000 euros nunha boa bicicleta e veña dende Francia non queira ir ao ritmo do último, ao igual que alguén que vén facer o reto de rematar a proba, non poda ir ao ritmo dos profesionais. O que pasa é que é un asunto moi complexo porque nós non podemos facer nada, e a Garda Civil, tampouco ten moito máis que aportar, porque a lei está aí e porque lle farían falta máis recursos.

—Valorase o cambio do tipo da proba a día de hoxe?

—Non, polo menos dende a nosa posición. Está concibida como unha carreira e non tería sentido que se convertese nunha marcha cicloturista. O que se debe é buscar unha reformulación dentro do noso deporte para que as competicións populares sobrevivan, porque estamos vendo como nos outros deportes están a funcionar tremendamente ben.

—Cal cre que é a solución?

—Primeiro reunirnos e convocar unha gran mesa onde teñan cabida tódalas autoridades implicadas e compartir ideas para trazar posibles camiños futuros. O que está claro é que noutros países, como Portugal, seguen funcionando este tipo de eventos sen que ninguén quede fóra por non poder seguir o ritmo de corte.

—É un encontro que debería promover o mundo do ciclismo?

—Non o sei, porque ao final dependemos da lei, pero si está claro que o ciclismo non se pode esquecer da xente amateur, que é a que está propiciando o auxe do deporte nos últimos anos. Dende o covid non hai máis que mirar a escaseza de produto na industria de bicicletas ou aos prezos para darnos conta de que é a disciplina que máis medrou, co que iso contribúe para fomentar unha vida máis saudable. E é a xente que participa en probas como esta a directamente responsable dese rexurdimento, tamén a nivel profesional, pois as dúas realidades van completamente ligadas. A masa que ten cabida nestas competicións populares é a que promove o éxito.

—Para percibir ese crecemento non hai nada mellor que mirar á Costa da Morte...

—Xusto. En 2015 decidimos que a data fora na primeira quincena de xullo porque ata o 16 non chegaban os turistas, e agora está abarrotada xa dende o comezo. É unha boa forma de corroborar como o deporte, e neste caso o ciclismo, axudou a este territorio. Por iso é tan importante manter esa ilusión na xente menos preparada para que poidan participar nestes eventos xunto aos profesionais, que é unha fórmula que está funcionando en tódolos deportes. O ciclismo de estrada, ademais, é o máis propicio para que a xente se anime a facer longas viaxes xunto ás súas familias, con todo o que iso repercute a nivel económico.

—Que espera do Gran Fondo Ézaro 2023?

—Aínda é pronto para sabelo, pero xa digo que, antes de poñernos a idealo, é necesaria unha reflexión colectiva coa busca de solucións para o problema que houbo este ano. Nós sempre lle pedimos o máximo que nos poidan conceder ás autoridades, como a Garda Civil, pero a lei está por riba.