O complexo monumental foi deseñado polo escultor Andrés Barbazán Ferreira
11 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O 25 de setembro de 1972 a Comisión Xestora Pro-Monumento a Fernando Blanco de Lema, presidida por Juan Sánchez García, fixo chegar ao daquela Padroado Provisional da Fundación Fernando Blanco, formado por José Sánchez García (Alcalde de Cee), Antonino Castro García (párroco de Santa María da Xunqueira) e José Luís Fernández Mosquera (xuíz de paz), un escrito para que amosase o seu apoio co fin de fundamentar debidamente a petición de licenza, ante o Ministerio de Educación e Ciencia, para realizar as obras de acondicionamento da entrada do instituto e levantar alí o monumento que hoxe preside a zona de acceso ao centenario centro educativo.
O 31 de xaneiro de 1973 o delegado provincial do Ministerio de Educación e Ciencia trasladou á Comisión Pro-Monumento que, ao non ser a parcela na que se erixiría o monumento propiedade do ministerio, non lle correspondía a este organismo conceder, ou denegar, autorización algunha, indicando que a quen se lle debía requirir o permiso era á propia fundación coma propietaria do terreo, así como a correspondente licenza de obras ao Concello de Cee.
O 17 de abril dese mesmo ano, o Padroado da Fundación, trala comunicación recibida do delegado provincial do Ministerio de Educación, e tendo en conta que o que se pretendía realizar non afectaría en absoluto á arquitectura do centro educativo, que non se utilizaría para a súa realización capital algún fundacional, e que as obras significarían, sen dúbida, unha mellora dos bens fundacionais e revalorizarían a propiedade, acordou por unanimidade autorizar á Comisión Pro-Monumento a levar adiante o proxecto, recalcando que todo o acometido sería propiedade da fundación.
A comisión baseaba esta petición na «justicia del homenaje, en la indudable calidad artística del proyecto, en las trascendentes mejoras de urbanización que para la Fundación representa y en la innegable revalorización de su propiedad y nulo perjuicio». E argumentaba ademais que «tras muchos años, no precisamente de olvido, porque la villa de Cee nunca ha sido ingrata para su recuerdo, al menos emocional, estos anhelos, sentidos y compartidos por todos, cuajaron al fin en un solo e imperativo deseo colectivo: erigir a Don Fernando un monumento que, a tenor de su obra trascendente, sea el exponente visible del agradecimiento, cariño y respeto por un hombre que, elevándose de la nada con tesón, supo en su momento álgido ofrecer generosamente a su pueblo el cuantioso fruto de su trabajo, haciendo a esta villa depositaria y dueña de un legado material y cultural que la honra y valora, no solo a nivel comarcal, sino en todo el ámbito regional».
Perpetuar a lembranza
Creada esta consciencia dun deber pendente, na cal participaron persoas dos distintos estamentos sociais e culturais de Cee e comarca, a idea común foi a de crear un monumento que tivera a función de perpetuar a lembranza do filántropo que fixo posible que distintas xeracións puidesen beber na fonte común dun saber impartido sempre nunha Fundación exemplar e pioneira.
Despois dunha ardua selección de proxectos, resultou elixida a proposta do escultor de Negreira Andrés Barbazán Ferreira, o cal, por certo, conta con outras obras da súa autoría na contorna, entre elas o monumento dedicado ao arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade que se atopa a carón do edificio do Concello de Cee. O conxunto monumental está constituído por un esvelto pedestal en forma de prisma cuadrangular engarzado a un tronco de cono invertido, con ampla base, sobre o que van colocadas dúas parellas de figuras alegóricas esculpidas en granito gris. Sobre o pedestal, de corpo enteiro, a prócer figura do fundador, realizada en fundición de bronce, reprodución fiel do cadro de Federico de Madrazo que colga das paredes do museo situado na alameda ceense. Na parte inferior do conxunto escultórico pode lerse unha placa coa inscrición: «A Don Fernando Blanco. Promotor de la enseñanza. Eterna gratitud. Octubre 1973».
Para levar adiante esta iniciativa contouse con fondos logrados por pública subscrición e coa axuda dos organismos afectos: Concello de Cee, Obras Públicas e Ministerio de Educación e Ciencia.