Guadi Galego: «A música sempre une, non hai cousa que una máis»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xoán A. Soler

A REMOLLO | Actúa esta noite en Paiosaco, a onde trae, di, «vida». O seu será o concerto central da Feira das Cereixas, declarada de Interese Turístico de Galicia

03 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«A Costa da Morte é unha zona á que levaba anos sen ir tanto, unha zona da que gusto. Volver conectar con ela encántame. Imos con moita ilusión», confesa Guadi Galego (1974). Buño; as Festiletras do Couto; o Fisterra Blues Experience, este pasado 10 de xuño; e a Feira das Cereixas de Paiosaco, onde actúa esta noite (22.00, de balde), están entre esas citas recentes pola comarca, todas elas dentro da xira do seu último disco, Costuras: «Fixemos palcos moi diversos, incluso nestes últimos días. O Fisterra Blues, O Son do Camiño, o venres en Sarria... Son públicos distintos, pero aí está o noso reto, conectar coa emoción da xente, un reto importante e necesario», di.

—Emoción e reflexión, ten dito.

—Nalgunha xente deixamos a emoción, noutra a reflexión, e non todo o mundo ten que estar no mesmo punto. Cada un conecta coa música dunha maneira, uns coas letras, outros co sentir... Como lle presta. O que si me gustaría é que, aqueles que non nos coñecen, ou veñan un pouco escépticos, se acheguen con ganas de ver.

—Iniciou xira de «Costuras» en abril do 2021. Como evolucionaron?

—Foron asentándose esas costuras. Ao comezo é como cando pos un calzado novo, que aínda non sabes moi ben como che queda, parece que aperta un pouco, pero valo afacendo... E agora estamos nese momento no que o traxe nos queda ben, estamos cómodas no palco, cunha enerxía moi guai.

—Que trae a Paiosaco?

—O que traio é vida, vida que se repite nas vidas da xente. Traio cousas boas, marabillosas, e outras que doen. Iso é a vida.

—A xira de «Costuras» rematará en setembro, en Santiago. E o inicio da recta final foi en Fisterra, na fin do mundo. Unha fin para outra.

—Certo, na fin do mundo comecei unha final. Empecei Costuras no centro e rematareinas no centro. Coincidiu así o de Fisterra, pero realmente en Galicia teño a sensación de que calquera sitio pode ser a fin do mundo. Eu tamén son un pouco dunha, porque son de Cedeira, e alí remata todo. Todo o que remata no mar, remata en certo modo nunha fin. Todo é relativo...

—Que sensación lle deixou o festival fisterrán? O tempo marcou.

—Voabamos un pouco [ri]. O formato do Fisterra Blues é moi bonito, supoño que terá que asentar aínda un pouco máis, pero vino moi diverso, con moitísimo nivel musical. Pensei: «Que pasada!».

—A Paiosaco conéctaa algo?

—E tanto! Estiven traballando no cole de alí, hai xa moitos anos. Fun mestra nese centro cando estaba facendo substitucións, creo que uns catro ou cinco meses. Á Feira das Cereixas non me cadrou de ir, pero a Paiosaco teño ido, si.

—Polo que fala da emoción e a reflexión, cre que a música ten que deixar sempre unha mensaxe?

—Na música, como na vida, hai moitos xeitos de estar. O que pasa é que o palco amplifica, ser unha personaxe «pública» amplifica, tes unha responsabilidade. No meu caso sempre tiven claro que a arte ten que ser transformadora social. Iso si, pódese axitar de moitas maneiras: provocando, facendo pasalo ben, indo ao profundo... Todas somos necesarias. Creo firmemente que o mundo se compón desa harmonía de contrarios que ao final fai bóla e nos vai situando a cada un no sitio no que queremos estar.

—E o seu proceso creativo? Ten para el diversos galardóns, coma o de Boa e Xenerosa do Couto.

—Funciono moito coas cancións que me van saíndo e co concepto de experimentación dos sons, cousas que me conectan, máis alá das cancións, con sensacións, con estéticas... Fluír, fluír coa vida. Son unha aventureira, diría eu.

Guadi Galego
Guadi Galego BASILIO BELLO

—Hai ultimamente máis visibilidade para elas na música?

—Quizais visibilidade das que estamos diante, pero non das que están detrás. E se non llela damos, non haberá máis. O fácil é ser cantora, máis difícil é tocar nunha banda, por exemplo. Na miña só somos dúas mulleres. Son consciente de que para que isto mude ten que haber máis sensibilidade, ver que hai moitas mulleres facendo música, tocando instrumentos, traballando en produción... Faltan técnicas, músicas...

—E a conciliación?

—Iso xa é outra historia aparte, pero en calquera profesión...

—E despois de «Costuras», que?

—Antonte [polo xoves] rematei novo disco, xa está para mesturar. Sairá probablemente para Nadal, para que aquela xente comprometida coa cultura, se lle apetece, poida agasallalo. De xira sairemos para marzo/abril do vindeiro ano.

—E que garda ese novo disco?

—Dez cancións, un disco moi ecléctico, que vai dende o son máis puro, cousas gravadas case en directo, a outras máis producidas, mundos diferentes. Cancións que falan do meu sentir.

—Vostede xa nos deixou himnos: «Matriarcas», «Chea de vida»...

—Son consciente de que hai cancións que quedarán, que xa case forman parte da cultura popular, e iso é marabilloso, la bomba. Non sei se virán máis himnos, pero si outras cancións, tamén necesarias. Aínda que hoxe todos consumimos singles, eu son moi defensora do traballo enteiro, da obra que, no seu conxunto, é un disco, e esa obra, penso, ten que estar equilibrada.

—Vai todo tan rápido...

Consumo. Pero tampouco podemos poñerlle trabas a iso. É o que hai, cada un elixe. As que somos máis vellas imos por un lado e curiosamente moitas das novas acompáñannos. Nos nosos concertos hai moita xente nova, non só miúda, xente de 20-25 anos que acode en pandilla, que escoita aquelas cancións que conectan a unhas coas outras... Iso prodúceme moi boa onda. A música sempre une, non hai cousa que una máis.

MÁIS A FONDO

Condiciónaa a paisaxe? Mar ou montaña? Son de mar, moi de mar, si que me condiciona.

Un lugar da Costa da Morte e por que? Quedo con Laxe, gústame especialmente, por unha cuestión de sensacións.

Un día perfecto de verán? Erguerme pola mañá, almorzar con calma, estar coas miñas fillas, tomar un café a media mañá, ir á praia pola tarde, ducharme e saír tomar unha caña. Tampouco pido moito... Bueno, si, pido bo tempo!

Non dixo comida, pero ten un prato preferido? Ensaladilla. Podería dicirche outras cousas, pero para que enganar...

Una posta de sol que a conquistase? A posta de sol da miña vida é o solpor que hai no verán en San Antón de Corveiro, aquí en Cedeira.

Foliada ou orquestra? Foliada. Aquí non a hai, pero si algo que lle equiparo: cantar coas amigas na taberna, coa miña xente.

Probou o percebe de Corme? Que son de Cedeira! E aquí temos uns percebes... Os de Corme tamén os probei, e están bos...

Pero queda cos seus? Muller, é que me matan, é o meu pobo [ri]. Pero non quero con isto quedar mal con Corme, eh...

BASILIO BELLO

O programa para hoxe na Feira das Cereixas

A Feira das Cereixas de Paiosaco é unha cita declarada xa de Interese Turístico de Galicia. Hoxe, toda a mañá, mercado no Campo da Feira, animado dende as 12.00 por Malandros Escola de Samba. Ás 19.00, actuación da asociación Queiroga (música e baile tradicional). Ás 22.00 horas, concerto de Guadi Galego.