Miguel Sande: «Á velocidade que vai hoxe a información as cousas esquécense antes»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O escritor e xornalista presenta en Carballo «O negociador», a súa nova novela, na que toma como referencia o secuestro de Ortega Lara, o máis longo cometido por ETA en España

30 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xustamente un día antes de que se cumpran 25 anos da liberación de Ortega Lara, secuestrado por ETA durante un ano e medio, o xornalista e escritor Miguel Sande presentará en Carballo a súa nova novela, O negociador, na cal toma como referencia este feito histórico.O acto será en Espiral Maior Foro, a partir das oito da tarde, e estará acompañado por Mercedes Queixas e por Miguel Anxo Fernán Vello.

Sande, natural de Arteixo pero moi vinculado a Bergantiños, dirixe a delegación de La Voz de Galicia en Viveiro e ten unha extensa colección de obras publicadas. Co novo volume foi finalista do Premio Xerais.

—Fálenos do libro.

—A novela parte dun feito histórico do que mañá se cumprirán 25 anos, o secuestro máis longo cometido por ETA en España [o de Ortega Lara], que durou 532 días. De aí parte a novela, que conta cunha testemuña excepcional, como foi un home que participou naquela negociación durante seis sesións en Arxel. Son catro historias nas que quixen xogar coas sensacións e coas perspectivas, falando de como lles foi a vida a esas personaxes durante estes 25 anos.

Este home co que falei, que non é un político, senón unha persoa que entón estaba especializada en resolver conflitos en prisións, nunca saíu na prensa. Cando charlamos, contoume o que lembraba e as sensacións que tiña 25 anos despois do sucedido e pareceume un material literario moi interesante.

—Presenta o libro un día antes dese aniversario, foi a propósito?

—A elección foi casual, pero dende logo saíu moi ben.

—Como recorda ter vivido aquel suceso?

—Eu creo que tódalas persoas de mediana idade temos ese suceso no recordo, a pesar de ter pasado tantos anos. Ademais, unha semana despois de ser liberado, ETA asasinou a Miguel Ángel Blanco a modo de vinganza. Non é que o tivese moi presente, pero deuse a casualidade de que coñecín a este home, contoume as súas vivencias e pareceume un bo punto de partida para construír unha personaxe literaria.

—Cales cre, ou cales lle transmitiu esa testemuña, que deben ser as principais cualidades dun bo negociador?

—O que máis me sorprendeu ao falar con el foi o obxectivo que foi sempre. Non xulgou a ninguén nin empregou ningún calificativo. Un home moi pragmático que se comportou en todo momento como un profesional: tiña diante un conflito, uns secuestradores, e tiña que intentar liberar a un home. Iso axudoume a enfocar a novela, dende a obxectividade e sen xulgar, xogando coas perspectivas e os diferentes enfoques.

—Cre que á velocidade á que caduca hoxe en día a información a sociedade tería mantido o interese durante 532 días de secuestro?

—Non hai máis que ver o que sucede coa guerra en Ucraína, que acaparou toda a atención mediática as primeiras semanas e agora hai días que nin aparece nos telexornais. Hoxe en día todo vai máis á présa e as informacións písanse unhas ás outras. A tanta velocidade as cousas esquécense antes.

—Ao mellor tamén se tería desenvolvido dun xeito diferente.

—Quizais como consecuencia do desinterese da sociedade terían resolto rematar antes, pois se non tiñan a atención da xente, tampouco tiña sentido ter un home secuestrado. Quen sabe...