Camiño de San Fernando

Natalia Lema Otero

CARBALLO

19 jun 2022 . Actualizado a las 21:41 h.

Ooutro día, subiron unha foto do surtidor da antiga gasolineira á saída de Vimianzo. Aínda non hai tantos anos que estaba en servizo e apenas lindaban o euro os carburantes. Impensable neste tempo onde parecemos estar a sufrir unha neocrise de petróleo. Os medios de comunicación xa falan de que no verán chegarán aos tres euros. Xa saben que moitas veces os mass media actúan como preludios para que a xente do común nos vaiamos afacendo á idea. O desconto dos vinte céntimos asemella nada máis que unha quimera para seguir enriquecendo ás petroleiras. Escasea o petróleo pero seguimos gastando feixes e montóns en polímeros e derivados de apenas un uso.

Adoro as recomendacións do novo século para sermos máis verdes e máis sustentables. Semella sinxelo nas cidades, así como con ese carné xove que da descontos a moreas. Eu a verdade é que o levo na carteira e nunca lle dei uso. Comprenderán que as persoas que vivimos no rural non temos unha rede de autobuses nin un transporte público, nin tren, nin un largo etcétera. O que si temos é outra cousa: dispersión, e non de ideas ou de miras, de poboación. Ir a calquera lugar é unha odisea sen un coche, sen medios para mercalo e sen combustible para pórlle. As contas da vella de toda a vida. Queren que sexamos sustentables e cada día suprimen máis liñas de autobús públicas. Que lle pregunten sobre o antigo Celta a calquera mozo que aínda non sabe o que custa o tícket de Baíñas a Santiago. Namentres, a Xunta de Galicia suprime máis liñas e un día as marquesiñas quedarán como reduto do que un día foron, ao igual que as cabinas telefónicas. A este paso, aos rapaces e rapazas da aldea quedaranos ir aos sitios polo camiño de San Fernando, un pouco a pé e outro pouco camiñando.