Ecovoz despide o curso no Aquapark de Cerceda

M. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Os alumnos do CPR La Encarnación, de Caldas, gañaron a sección Ecopreguntoiro
Os alumnos do CPR La Encarnación, de Caldas, gañaron a sección Ecopreguntoiro ECOVOZ

O parque acuático acolle hoxe a gran festa de despedida da 23.ª tempada do programa medioambiental emitido en Radio Voz

17 jun 2022 . Actualizado a las 22:53 h.

Con esta, serán xa vinte e tres as tempadas que levará clausuradas Ecovoz, o programa medioambiental decano das ondas galegas emitido en Radio Voz e conducido polos comunicadores María Meizoso e Fran Rodríguez, aos que acompaña tamén a pequena Lena González.

Hoxe, e logo de ter aberto as súas portas hai preto dunha semana, o Aquapark de Cerceda acollerá a festa de clausura do curso, á que asistirán moitos dos centros educativos que participaron nos diferentes concursos celebrados no marco do programa.

O CPR La Encarnación, de Caldas, foi o vencedor do Ecopreguntoiro, un certame no que grupos de rapaces de sexto de primaria se enfrontan en diferentes rondas respondendo cuestións relacionadas co medio natural. Os de Caldas impuxéronse ao CPR La Merced, de Sarria, que participou nesta sección xunto con outros trece colexios de toda Galicia. Durante a xornada de hoxe entregaranse os premios tanto do Ecopreguntoiro como do Ecoconsello (CEIP Albeiros de Lugo), da sección En clave circular (CPR La Merced de Sarria) e do Ecovaledor, un recoñecemento a unha persoa ou institución que teña traballado polo medio ambiente. Neste caso, a agraciada é Theresa Zabell, presidenta da Fundación Ecomar

O acto de hoxe, ao que acudirán autoridades tales como a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ou o rexedor cercedense, Juan Manuel Rodríguez, rematará cun aperitivo e cunha xornada de diversión nas piscinas do parque acuático.