O gusto pola equitación fixa raíces entre a xuventude da Costa da Morte

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Numerosas persoas sumáronse esta fin de semana á ruta cabalar de Pasarela e o vindeiro día 18 celebrarase outra en Golmar, A Laracha

07 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O gusto pola equitación vai fixando raíces na Costa da Morte e diso deu boa conta a última cita cabalar celebrada recentemente na comarca, que xuntou polo montes de Pasarela (Vimianzo) a arredor de medio cento de xinetes e amazonas.

Esta primeira ruta cabalar, promovida pola asociación de festas en colaboración co Concello, bebe da tradición equina preexistente na localidade, onde ata hai uns anos se celebraba unha importante feira que congregaba a ducias de afeccionados á monta e cría destes animais.

«Veu bastante xente para a ruta a cabalo e, despois, para comer, habería máis de duascentas persoas», dicían onte dende a organización, un par de días despois dese itinerario que partiu de Pasarela ás once de mañá do sábado deica os montes de Traba (Laxe). En total foron 17 quilómetros de ruta, que os participantes fixeron en algo máis de dúas horas e media, con parada intermedia para refrixerarse, por suposto.

De volta en terras vimiancesas, xuntáronse xinetes e convidados para gozar dun xantar a base de polbo, churrasco e boa música, proporcionada polo dúo Galán e o DJ Rokiño, autor dunha das pezas musicais que de seguro máis soará durante este verán nas verbenas da Costa da Morte. Bailaron os asistentes ao ritmo de Na llama, e de moitas outras pezas, ata preto das dúas da mañá. «É un artista e fixo a festa moi animada», comentaban dende a organización, ao tempo que resaltaban que o gusto pola equitación está a ter un rexurdir nesta comarca. «Coñecémonos todos, porque imos ás mesmas festas, pero vense moitos rapaces novos e iso é positivo», engadían os promotores da iniciativa, que xa no mes de maio participaron na ruta cabalar que tivo lugar en Borneiro e que o vindeiro 18 de xuño se sumarán a outra que se celebrará en Golmar, A Laracha.

Rapa das Bestas

E por diante queda, tamén, a agardada Rapa das Bestas de Vimianzo, que volverá tras dous anos de ausencia motivada pola pandemia. Será os días 16 e 17 de xullo, no Campo da Areosa, como é costume, por iniciativa da Asociación Cabalar e Cultural Monte Faro.