Pablo Torreira: «No 2019, tras o Baio eliminar ó Sofán na Copa, xa me chamaron do Carral»

Melissa Rodríguez
melissa r. S. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O aínda branquiazul fala do novo reto que asumirá a vindeira tempada en Preferente de vermello

04 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Torreira Corral (A Coruña, 1984) aínda está envorcado no Baio, coa Copa da Costa, pero xa coñece o seu destino de cara a vindeira tempada, o Sofán. O rendemento no Platas Reinoso na última tempada, sobre todo, fixo que un dos grandes da comarca se fixase nel.

—Como se deu a súa fichaxe polo Sofán?

—Non tivo que ver coa miña saída do Baio, pois era algo que xa tiña premeditado hai meses debido a que levaba anos aquí e creo que era o mellor para que o equipo seguise crecendo. Xusto coincidiu con que me chamaron do Sofán e díxenlles que estaba interesado porque para min, que me chegara unha oferta de categoría superior, era un desexo que tiña. Xa no 2019, cando o Baio eliminou ó Sofán na Copa da Costa, contactaran comigo, pero por aquel entón, quixen seguir no Baio como agradecemento polo que apostaran por min.

—Vai ser o seu debut en Preferente como primeiro adestrador. Como asume o reto?

—Con ganas e ilusión, e orgulloso de que se fixasen no traballo que levamos desenvolvendo en Baio este tempo.

—Cal foi a súa traxectoria dende a banda?

—Empecei no Liceo Monelos, o equipo da miña casa, en Segunda rexional. Fixéramos un moi bo ano. Tamén estaba no Imperátor, onde pasei dende os cadetes de liga local ao equipo sénior en Primeira Galicia durante seis anos. Despois fichei no San Tirso para formar parte do corpo técnico e, no medio da tempada, chamáronme do Ural para coller o conxunto de xuvenís. Foi unha tempada moi boa, pois ascendemos a Preferente e á Liga Galega. A seguinte formación xa foi o Baio.

—Antes seguro que foi xogador.

—Xoguei pouco porque tiven unha lesión importante nun pé e, despois, nun xeonllo.

—Coñece algún integrante vermello?

—Conserva moitos xogadores dende hai anos. Nesa eliminatoria de Copa fixémoslle un seguimento importante e, a día de hoxe, o núcleo segue sendo o mesmo.

—Días despois da súa fichaxe, xa son seis os futbolistas renovados.

—A idea é dar bastante continuidade á plantilla. Hai algunha baixa obrigada como as de Kolie, Paulo e Raúl. A maiores, algún xogador terá algunha oferta. Trataremos de reforzar o equipo nas posicións nas que estean máis frouxos para intentar competir por salvar a categoría sen pasar apuros e, a partir de aí, mirar cara arriba.

—Que obxectivo se marca cos branquiazuis para o torneo do k. o.?

—Un moi persoal, que é intentar pasar de cuartos de final, porque é unha especie de maleficio. Tamén temos a espiña cravada da última Copa coa eliminatoria coa Esteirana. A pesar de que temos moitas baixas e un plantel curto, queremos dalo todo para tratar de acabar da mellor forma esta etapa e chegar o máis lonxe posible.

—Foi unha tempada histórica para o Baio, coa clasificación para a fase de ascenso tras moitos anos. Cal foi a clave do éxito?

—Pode sonar a tópico, pero creo que o traballo colectivo, a unión... Eramos unha familia. Adestramos con 10-11 xogadores e cun futbolista como Yago que viña de Madrid xogar un partido e volvía. Hai xogadores de moi bo nivel e foi unha pena non ter unha plantilla máis ampla para optar a cotas maiores. Chegamos ao noso teito, non estabamos en ningunha quiniela a priori.

—Como se describe como adestrador?

—En liñas xerais, gústame que o meu equipo teña o balón e que sexa protagonista e, a nivel persoal, considérome traballador e próximo.

Renovacións e baixas

PLANTEL

Xogadores renovados: Brais, porteiro; Iván, Becerra e Gody, defensas; Juanjo, centrocampista, e Gallego, dianteiro.

Baixas: Raúl, Kolie e Paulo, dianteiros.

CORPO TÉCNICO

Baixa: Alberto Rodríguez, adestrador, tras tres tempadas.

o detalle

Pablo chamou a atención do Sofán antes da chegada de Alberto ó banquiño (2019-20), e colle os mandos tras a súa saída.