Presentado o cartel da 37.ª Carballeira de Zas: «Un festival como este non se podía perder»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANGEL MANSO

«Esperamos que sexa unha Carballeira para todos», dixo o director do encontro, Fidel Otero: venres 12 e sábado 13 de agosto. Este ano si! 

01 jun 2022 . Actualizado a las 00:36 h.

«Aquí estamos outra vez, resistimos», dixo este martes Manuel Muíño, alcalde de Zas, na presentación da 37.ª edición da Festa da Carballeira. Logo de dous anos sen celebración, polo covid, «aquí está Castro-Meda, aquí está a Carballeira, o seu cartel e os seus artistas. E nós implicados e axudando, como non podía ser doutro xeito».

Estes 37 anos festexaranse dous días, venres 12 e sábado 13 de agosto, como xa se tivera avanzado, un novidoso cambio de datas —o habitual era a primeira fin de semana dese mes— decidido logo dunha deliberación «democrática» para evitar coincidir con outros festivais do mesmo estilo, para que a xente non se vexa na obriga de elixir. «A actividade cultural está resistindo e nós estamos aí, para estar detrás. A Carballeira así o merece. Dende a Deputación temos un fin, precisamente o de potenciar a actividade cultural e máis aínda vindo destes dous anos (...). Un festival coma este non se podía perder», afirmou, pola súa banda, Xurxo Couto, deputado provincial de Cultura e Deporte. Loreto Rodríguez, responsable de medios de Estrella Galicia, incidiu nesta mesma idea: «Para nosotros es un orgullo poder apoyar económicamente y a nivel sociocultural este tipo de eventos, tan conectados con nuestros orígenes, nuestras raíces, con las personas. Es una satisfacción que un festival tan icónico pueda volver a celebrarse».

Non foi por falta de ganas, como explicou Fidel Otero, director da Festa da Carballeira: «Foron dous anos moi tristes». Dous anos sen festa, dous anos sen ese cartel que sae da mente do deseñador Miguel Riveiro ano tras ano. Mais quixeron esperar, para que na Carballeira de Velar collan «todos os que veñen a esta festa», para poder facela «con todas as garantías»: «Esperamos que sexa unha Carballeira para todos, para grandes e pequenos», engadiu.  Das 37 edicións, Otero levará vividas 35. Sabe do esforzo preciso para chegar ata aquí, como tamén o sabe, dende o outro lado, un artista como Xabier Díaz. El foi o que deu a benvida musical á presentación: «Soster unha iniciativa no tempo, termar dun proxecto tan bonito, é complicado. É este un dos festivais decanos do país». Por iso lle deu os parabéns a Castro-Meda, entidade coa que, lembrou, colaborou un tempo como docente de gaita. Volveu confesar o seu vencello emocional con Bergantiños e con Soneira e describiu tamén os aproximadamente dez anos que acudir á Carballeira como público, «parte daquela marea de xente, bailando, bailando con coidado, porque a Carballeira para bailar moi chanceira non é», bromeou.

Dixo Díaz ter na memoria «concertos marabillosos», como o de John Whelan ou de Kepa Junkera. Díaz estará este ano na Carballeira coas Adufeiras de Salitre, con ese terceiro disco na rúa, e farano ademais «nun horario moi acaído para o desfrute de todos, en familia»: a sesión vermú do sábado 13. 

Jonh Whelan, na Festa da Carballeira de Zas, ano 1995
Jonh Whelan, na Festa da Carballeira de Zas, ano 1995 J. M. Casal

Dolores Fernández, xerente de Aspaber, representou na presentación á entidade coa que este ano colaborará o festival na súa vertente solidaria. Parte da recadación da venda de bonos en liña ira para esta asociación: «Máis que o económico, porque non somos un evento que xere moitos cartos, o que buscamos é darlle visibilidade ao seu labor, que poida vir xente con diferentes capacidades»: «Ese valor social é para nós o máis importante», dixo Fernández.

De Interese Turístico Galego dende o 2020, na Carballeira haberá tamén gastronomía, mexilloada gratuíta, zona infantil... Patrocinan Xunta, Xacobeo, Estrella, Deputación, Concello, Gadis e vermú Lodeiros.

O cartel

Vernes 12 de agosto

Dende as 22.00. Grupos 100 % galegos: A Banda da Loba, Heredeiros da Crus e Mileth (da Mariña lucense).

Sábado 13 de agosto

Dende as 12.00, Paco Nogueiras para os máis pequenos. Sesión vermú con Xabier Díaz e as Adufeiras. Pola tarde, Os Farrapos, foliada e Arredores. Dende as 22.00 horas: Deira, Xisco Feijoo, Rura e os potentes Sondarúa.

As entradas. Xa á venda, na web do festival: 15 euros máis gastos de xestión o bono de dous días, 8 euros máis gastos de xestión un día só. A venda en liña pecharase o 12 de agosto. En billeteira física: 12 euros un día e 20 euros os dous.