Adrián Castiñeiras: «Vou traballar ao plató en transporte público»

M. Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CAPOTILLO

ECOVOZ | Participa na rodaxe da que será a nova serie de Voz Audiovisual para a TVG. En todo momento, unha conciencia polo medio ambiente

30 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Conversamos co actor Adrián Castiñeiras nun descanso do rodaxe da que será a nova serie de Voz Audiovisual para a TVG. «É unha aposta para as tardes, será diaria e ten un elenco que mestura caras moi recoñecidas con xente nova que vén pisando forte», adianta. O coruñés, o último convidado da tempada que pasou polos micrófonos de RadioVoz para falar de medioambiente no programa Ecovoz, apunta que «ten pinta de que este proxecto enganchará á xente».

—Ao marxe da faceta profesional, que pequenos xestos practica para coidar do seu entorno?

—Un bo exemplo pásame cando vou ao supermercado e teño que levar cousas envasadas. Antes só me fixaba nos compoñentes nutricionais e agora miro os compoñentes dos propios envases. Coa auga, que eu consumo moita, tamén o fago e, a que merco, é de plástico 100% reciclado. Así tamén cos iogures ou cos cartóns de leite.

—E o da bolsa, esquéceselle ou ten moi presente que temos que ir con ela?

—No meu caso, iso está máis que superado. Sempre vou cunha de tea ou cunha mochila na que cargo a compra. E, cando por algún motivo teño que mercar unha, dáme moita rabia se ten que ser de plástico. Se é así intento darlle moitos usos ou reciclala. Creo que o tema das bolsas á hora de ir mercar está fomentado desde moitos sectores e é algo que axudou a que todos nos involucráramos. Boto en falta o mesmo noutros ámbitos, sobre todo, para formarnos a nós como cidadáns porque moitas veces non reciclamos porque non sabemos.

—Na casa e nos platós de rodaxe, como se aplica?

—Na casa, teño un para o plástico, para orgánico, para vidro e para cartón. E, polo que respecta ás rodaxes, hai que ter en conta que hai moito papel polo número de guións. E aínda máis en proxectos como o actual, ao ser unha serie diaria. No meu caso, hai tres ou catro anos que traballo cunha tablet para aforrar esa cantidade de papel.

Adrián, nunha das súas interpretacións
Adrián, nunha das súas interpretacións

—E, en canto aos recursos que temos os cidadáns para reciclar, para sumarnos á economía circular, vostede que anda a cabalo entre Madrid e Galicia, bota algo en falta?

—Creo que canto máis fácil o teñas, máis doado che vai ser facer as cousas ben. A vida vai moi rápida e se tes os contedores preto da casa, vas responder mellor. Pero tampouco podemos inundar ás rúas deles. Hai infraestruturas suficientes para o día a día en case todos os sitios e tamén, para obxectos máis voluminosos, os puntos limpos que funcionan moi ben.

—Para moverse, transporte público ou coche particular?

—Eu son usuario total de transporte público. Ata o punto de que eu a traballar aos platós de Voz Audiovisual vou en autobús todos os días. E cando vou a Madrid ou me desprazo en AVE ou en avión. E, incluso por Madrid, móvome sempre en bicicleta eléctrica. A verdade é que o coche úsoo moi pouco.