María Pose, alcaldesa de Santa Comba: «Ampliamos a 100 contedores porque a demanda foi moi elevada»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

ECOVOZ | O cubo marrón ten que estar implantado de forma definitiva antes do 31 de decembro do 2023

23 may 2022 . Actualizado a las 20:23 h.

Galicia vai por diante no proceso de recollida dos residuos urbanos. E iso significa que os galegos xa se están familiarizando cun novo contedor, o marrón, que se suma aos xa coñecidos dende hai anos. A súa implantación definitiva, dando cumprimento á normativa imposta pola Unión Europea, ten como data límite o 31 de decembro do 2023. En concreto, na comunidade galega, o quinto contedor está contemplado na Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023 que coordina a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. En localidades como a de Santa Comba foron previsores e comezaron a prepararse no 2019 tal e como subliña a súa alcaldesa, María Pose.

—Que traballo previo fixeron.

—Cando desde a Xunta comezaron a falar da implantación do quinto contedor a nós xurdiunos a necesidade de poder levalo a cabo. Ben é verdade que en Santa Comba temos moita zona rural e un núcleo urbano pequeno, pero considerabamos que sería útil que esa poboación urbana tivera ese cubo para poder botar o resto de residuos orgánicos ou de podas para poder reutilizalo.

—Cal foi a acollida?

—Foi boa nada máis empezar coa campaña e coa promoción do quinto contedor. No 2019, xa solicitamos os contedores de rúa, que levan uns 200 litros e recibimos por parte da Xunta unha primeira remesa para instalar. Ese foi o punto de partida. Ben é certo que despois estiven fóra do goberno dous anos, pero en canto recuperei a alcaldía quixen retomar esa campaña para que tamén houbese cubos pequenos e para os particulares puidesen ir verter ao máis grande.

—O pasado verán empezaron de novo. Que pasos foron dando?

—Establecemos contacto coas institucións para continuar co programa. En Santa Comba, dada a ampla zona rural e a importante dispersión que temos, é moi frecuente que cada particular teña o seu propio composteiro na casa e faga a súa reconversión. Todo o mundo no rural ten unha hortiña e é moi doado de facer. Así que repartimos unha primeira quenda de 50 e outra máis que se repetiu pola demanda. Xa en outubro, iniciamos outra campaña. Puxémonos en contacto cos veciños a través de carta e démoslles unha primeira información, que tamén actualizamos a través de redes sociais. Con ese primeiro contacto fíxose a entrega dunha serie de contedores e bolsas biodegradables para que eles o depositen nos cubos da rúa. De forma definitiva, a instalacións dos recipientes marróns na rúa chegou a finais de novembro. Desde ese momento, a recollida foi moi activa. Comezamos con 70 contedores, pero posteriormente tivemos que aumentar ata o centenar porque a demanda foi moi elevada.

«A primeira recollida foi de 200 quilos e agora temos de media 1.500 á semana»

Neste momento, espallados pola zona rural de Santa Comba hai 100 composteiros. Pero —apunta Pose— «temos lista de agarda e solicitada unha nova quenda para seguir repartindo». Polo que respecta ao núcleo urbano, «a pé de rúa hai un cento de contedores repartidos, cada un coa súa chave, pero cada particular tamén ten que ter o seu pequeno, de 10 litros. Aí temos a 250 familias participando nese proxecto. Eles encárganse de facer a fracción orgánica para logo levalo ao contedor grande».

—Ademais dos particulares, quen máis está implicado?

—Están os grandes consumidores e tamén os grandes produtores como colexios, sector da restauración ou incluso supermercados. A esas empresas tamén se lles entregou un contedor de tamaño intermedio, de 60 litros. Temos medio cento no proxecto.

—En cifras, cal foi o crecemento que se acadou?

—Estamos contentos porque a demanda non deixou de medrar. A primeira recollida foi de 200 quilos e agora temos unha media de 1.500 en cada recollida que se fai de forma semanal. Satisfactorio polo tanto polo nivel de participación da xente e coa concienciación que amosan desde as súas casas. É moi importante a tarefa informativa que estamos facendo para que os veciños aprendan a facer o proceso e coñezan que vai en cada contedor.