«Todos os días son Letras Galegas»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A FESTA DA PALABRA | Talento e voces múltiples para festexar o 17 de maio na Costa da Morte

18 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte foi nas últimas horas un amplo mostrario de talento. Voz, poesía, debuxo, instrumentos, arte e patrimonio inmaterial conviviron nunha xornada, un 17 de maio, Día das Letras Galegas, que deixará intres para a memoria. No Dezasete do Couto, Faia Díaz ofreceu un concerto que se prometía especial, e foino. Sobre o escenario, por vez primeira, o seu talento reunido co de sus pais, Tereixa Novo e Moncho Díaz, eternos de Fuxan os Ventos. Un concerto herdeiro da tradición oral ao que tamén se sumaron Guillerme Fernández, compañeiro de De Vacas, e Benxamín Otero. Tarde melodiosa, ao abrigo do «santuario das letras» que é a Casa dos Veciños de Monte Branco, e que tivo un dos seus momentos máis sentidos na letra cantada de Darío Xoán Cabana, falecido hai onte seis meses: unha peza emblemática de Fuxan os Ventos, O lobo (1976).

A cuberto tiveron que ser tamén as actividades, moitas, programadas polo Concello de Carballo, coa colaboración da Banda de Gaitas, o Conservatorio ou a entidade Lumieira, que promoveu a 40.ª edición do certame de debuxo e pintura Luis Calvo. No mercado municipal, divididas as iniciativas en varios escenarios, a mañá foi crecendo en ritmo e en asistencia, ata chegar ao máximo pico, un cheo absoluto, para o concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Javier Bardanca. Gustou aos presentes, como os contos de Caxoto ou o concerto dos Golfiños, ademais do rosco pasalabra con preguntas referidas á vida de Florencio Delgado Gurriarán que sumou o colexio Xesús San Luís Romero. Traballaron no centro este mes das Letras, ademais, un panel de robótica con pictogramas alusivos ao autor homenaxeado.

Concurso de debuxo e pintura Luis Calvo Sanz
Concurso de debuxo e pintura Luis Calvo Sanz BASILIO BELLO

Reportan dende Cabana, doutro lado, unha «fantástica xornada». Alí, a Escola da Vela acolleu un Concerto das Letras da man de Irma Macías e Xaquín Rama, así como teatro coa Aula Municipal e recital de versos de Delgado.

Virtuosismo na Laracha

Aterrizara o luns «nun lugar do que gostamos moito», A Laracha, na Costa da Morte, o virtuosismo de Sheila Patricia. En formato trío, na praza Olonne Sur Mer, con ganas de compartir música e Letras, agasallou ao público co talento do seu disco Orixe, tradición e modernidade no que inclúe dúas pezas caionesas, vila onde actuou, por certo, en setembro do ano pasado.

Concerto de Sheila Patricia en A Laracha
Concerto de Sheila Patricia en A Laracha ANA GARCIA

Puido ser máis o público na Laracha, mais iso non restou o «espectacular» do concerto. Máis ca o número, importa «o poder da xente», ao que aludiu Xurxo Souto, tamén onte, na Casa dos Veciños do Couto. Acollía o ciclo O Dezasete, antes do concerto de Faia, o recital Dose de reforzo, no que tomaron parte asemade Suso Lista, Claudia Castro, Alexandre Nerium e Rosalía Fernández Rial, esta última acompañada ao acordeón pola asturiana María Álvarez, «a mellor acordeonista do Atlántico norte». Dose de reforzo tiña como fío condutor o mar.

BASILIO BELLO

Un mar que absorbe («case non te dás conta de que hai outro mundo, xente que non vive a carón del», dixo Lista), un mar «que se che mete dentro», abundou Claudia, compostelá con casa en Corme, un mar duro que é casa, acreditou Nerium cos seus primeiros versos de neno. «Para min, todos os días son Letras Galegas», dixo Alexandre. Velaí o espírito. Rematou a velada con O soño da Galiza infinda na voz e acordeón de Souto, versos de Florencio en diálogo co bardo. «Non somos a fin do mundo, somos o centro do mar», lembrou este Bo e Xeneroso de Monte Alto.