O concerto das Tanxugueiras en Vimianzo encabeza un luns de Letras

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ROCIO CIBES

AXENDA DIARIA | En véspera do 17 de maio, son varias as propostas para gozar desta xornada

16 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, 17 de maio, é o Día das Letras Galegas, mais na Costa da Morte hai xa xornadas que se veñen celebrando. Hoxe, luns 16, a actividade non será pouca. Da axenda, por motivos de saúde, caeuse a función de Badius no Couto.

Vimianzo

Logo das VimiLetras de onte, que finalmente tiveron que ser a cuberto (Migallas Teatro na Casa da Cultura e hinchables e obradoiros no pavillón), continúa hoxe o encontro de autocaravanistas, con percorrido polo val de Soneira, e chega ademais un dos pratos fortes do municipio e da Costa da Morte. Actúan esta noite as Tanxugueiras, ás 22.00, no entorno da Casa da Cultura. Consulta de entradas en woutick.es (10 euros máis gastos de xestión). Apertura de portas ás 20.30 horas. «Non queremos que isto sexa só un concerto, é a primeira data das Tanxugueiras na comarca e queremos que a súa forza traspase, como ben din elas, fronteiras», presentara a alcaldesa, Mónica Rodríguez, a Olaia, Sabela e Aída. Unha nova forza, enerxía, empoderamento, virtuosismo e ritmos de hoxe para darlle unha nova vida á tradición herdada.

BASILIO BELLO

Carballo

Ás 20.30, no despacho parroquial, inauguración da biblioteca e Aula de Pensamento Xosé Pumar Gándara. No salón de actos, mesa redonda Xosé Pumar e as Letras Galegas, coa intervención de Xosé Manuel Varela e Xosé Antonio Andrade.

A Laracha

Ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, Bricandeiras da lingua, espectáculo infantil e familiar a cargo de Migallas Teatro. Ás 22.00, na Praza Olonne Sur Mer, concerto de Sheila Patricia, unha das propostas máis destacadas do ciclo das Letras na Laracha. Referencia na canción de autora en Galicia, incorpora no seu último disco dúas pezas caionesas. Nova xornada de actividade, pois, neste municipio que onte acolleu un encontro de asociacións culturais: bailaron Arume de Caión, Queiroga de Paiosaco e Santa María de Torás da Laracha. 

BASILIO BELLO

Cee

Trémola Teatro ofrece a través dos contos unha viaxe pola vida e os poemas de Florencio Delgado. Ás 18.00, na Casa da Cultura, para os máis novos. De seguido entregaranse os premios dos concursos literarios e de marcapáxinas da biblioteca municipal.

Cabana

Previsto un obradoiro de flores silvestres, a partir das 17.00 horas, Casa do Pendón.

Camariñas

Ás 16.00 horas, na biblioteca municipal, xincana para 25 pequenos a partir de 8 anos. Necesaria reserva de praza no teléfono 665 134 490.