Un mundo cambiante, como o que retratou o fotógrafo José Manuel Casal. «A vida ten casualidades»: foi no 1991 cando fixo a súa primeira foto para La Voz, na Festa das Fabas de Ponteceso. Dende entón, ata xuño do 2017, cando se xubilou, moitas máis. No Couto e na Costa da Morte, con traballos que marcan: ao pé do Prestige, ao pé de Man de Camelle, «primeira vítima do chapapote», ao pé do Monte Faro na procura da nena Eva... Soubo pasar do revelado manual ao móbil, do branco en negro á cor, das fotos que se enviaban en sobre físico á coruña, no Finisterre, a esas que se expanden ao mundo cun só clic. Moitos anos, «facendo o que máis me gustaba, facendo fotos». No arquivo deste xornal, dixo, estará sempre «a miña sala de exposicións». Xosé Luís Vilela, director de La Voz, entregoulle o seu recoñecemento.
«A cultura está na xente, no pobo, na rúa»
«A mellor homenaxe a Florencio Delgado é falar a lingua que el tanto quixo, levala a todos os actos», dixo Lois García, presidente da Fundación Pondal, na súa benvida. Patrimonio que as ancestras, continuaría Viki, gardaron coma un tesouro, para transmitilo contando, cantando, ensinando o nome dos peixes, dos oficios, ou como se seca o congro, «ao nordés, como debe ser»: «A cultura está na xente, no pobo, na rúa». Aludiu á «iniciativa social» o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, cuarto dos premiados. Falou de «poñer en valor as oportunidades a través da posta en valor dos recursos», dun traballo feito dende O Couto con «recursos modestos», pero «ideas grandes», labor que conseguiu poñer esta aldea no mapa, a Ponteceso, a todo Bergantiños: «Levarei este galardón con orgullo».