Vén de tempo esta colaboración, como o vén a presenza da artista muxiá Viki Rivadulla no Couto, terceira premiada. «Faime moitísima ilusión. Levo moitos anos indo, como público, coas miñas exposicións acompañando incluso estes premios Bos e Xenerosos, e nin pola cabeza se me pasou nunca chegar a recoller eu este galardón, non o esperaba para nada, non o creo». Ao Couto Rivadulla levou artesanía, escultura, pintura...: «Para min, os Bos e Xenerosos son eles, por todo o que fan».
José Manuel Casal, fotógrafo de La Voz durante case tres decenios, documentou a vida do Couto e da Costa da Morte. Procurou facer o seu traballo, dixo para Radio Voz, do xeito «máis honesto posible, sen intervir, tratando de reflectir a realidade». Fotografías das máis variadas temáticas, de novas tristes e felices, moitas, mais sen buscar o protagonismo con elas, «tratando de poñerme no lugar da outra parte»: «Sempre me neguei aos recoñecementos, pero ante o traballo desta entidade, que vin dende os seus inicios, non podía dicir que non», dixo do galardón. Unha entrega e unha paixón pola fotografía que, confesou nesta súa primeira entrevista, reverteu directamente no tempo dedicado á familia.