Letras Galegas, festivo

Vicente de Lema ONDA

CARBALLO

ANA GARCIA

19 may 2022 . Actualizado a las 12:15 h.

É un vello debate, xa case esgotado, pero, tal vez, moi necesario. A realidade é que as Letras Galegas estanse convertendo nun festivo máis do calendario. Un día do que gozar. Un tempo libre para fuxir para Portugal, ir dar unha volta cos nenos a algún parque de atraccións ou liscarse ata París, facer un percorrido pola Ribeira Sacra, marchar de excursión polos Picos de Europa ou ir tomar o sol a calquera punto do sur español. É o que hai. En realidade éche moi parecido a calquera celebración relixiosa. No San Xoán énchese o ceo de fume de cachelas, as prazas de churrascos e as praias de festa acelerada da que logo quedan milleiros de quilos de lixo. As Letras Galegas tamén se van secularizando pouco a pouco. Semella que están deixando de ter o sentido para o que naceron e a forte implicación cidadá dos primeiros decenios esvaécese e a liturxia literaria perde cada vez máis forza. Decenios atrás, nos colexios florecían representacións teatrais, festivais literarios e musicais, exposicións, presentacións de libros, lecturas colectivas e moitos outros acontecementos nos que alumnos e profesores traballaban nas horas libres. Agora hai unha longa ponte na que boa parte dos alumnos e dos profesionais do ensino só lembraran as Letras Galegas para agradecer que, grazas a elas, poden ter catro días para esquecerse da servidume das aulas e todos os suores que implican. Son as Administracións as que fan un esforzo, sobre todo pecuniario, para soster as convocatorias de tipo cultural e social nunha ponte na que a xente necesita ocio sen que por iso signifique unha especial dedicatoria a unhas Letras Galegas que son todo festa, pero só festa.