O río bergantiñán nace ao sur do Coto de Pedrouzo, a 480 metros de altitude
10 may 2022 . Actualizado a las 21:29 h.Os dous trazos de identidade que máis definen a un río son o lugar de nacemento e o de desembocadura, entre eles discorre o curso principal, alimentado polo caudal que lle achegan os seus afluentes ao longo do percorrido. Identificar a desembocadura dun río resulta doado tanto pola amplitude que acada a súa canle como polo seu elevado caudal, porén, descubrir o lugar de nacemento adoita ser complicado e motivo de polémica porque as fontes que forman a cabeceira acostuman a ser varias e difíciles de identificar pola escasa corrente e polas dificultades de acceder a elas.
Moitos dos nosos xeógrafos que describiron os ríos galegos en tempos atrás, rara vez se achegaron ás súas fontes primixenias polos atrancos que isto supoñía, e os datos que aportaban nas publicacións, procedían dos mapas topográficos que editaba o exército ou o Instituto Geográfico Nacional (IGN), que non sempre se axustaban á realidade.
Sobre o lugar de nacemento do Anllóns existe bastante confusión por mor de que no mapa topográfico 1:25000 do IGN aparece como río principal o regato que nace no monte Xalo, nos límites dos concellos da Laracha e Culleredo, e como afluente, o denominado río Grande, procedente da ladeira sur do Coto de Pedrouzo, na parroquia de Soandres. En realidade este último, tanto pola súa lonxitude como polo seu caudal, de aí que os veciños o denominasen Grande, é o río principal, e o anterior, o seu afluente.
Este erro trasladouse por xeógrafos de recoñecido prestixio aos libros, o que contribuíu a reforzar esta incorrección. Vese que estes autores non consultaron a tese de doutoramento de Salvador Parga Pondal sobre a comarca de Bergantiños, elaborada nos anos corenta do pasado século, que recolle con exactitude o lugar de nacemento do río bergantiñán.
O Instituto de Estudos Bergantiñáns, que ten como un dos seus obxectivos primordiais o coñecemento da comarca, no primeiro caderno que publicou de «Andando por Bergantiños sobre a parroquia de Soandres», xa se propoñía unha ruta a pé polo nacemento do Anllóns. Este foi o primeiro intento da asociación de localizar as fontes orixinais deste río. Naquela publicación do ano 2000 xa se recollía que o río bergantiñán nacía ao sur do Coto de Pedrouzo, a 480 metros de altitude. Daquela poucos veciños de Coence, a aldea máis próxima, recoñecían que aquel pequeno regato denominado rego das Lavandeiras constituía a cabeceira da arteria fluvial que atravesaba a comarca de Bergantiños e desembocada en Ponteceso, na ría de Corme e Laxe.
Cando no ano 2018 volvemos a achegarnos a ese mesmo lugar de nacemento, para recompilar novos datos para o libro do Anllóns, recollemos o nome do monte no que burbullaban esas primeiras augas do noso río, chamado Chousa de Abaixo, polo que discorre un pequeno rego que se forma nunha braña, ao xuntarse a auga de varias pozas, a 500 metros do límite entre os concellos de Cerceda e A Laracha, pero en terras larachesas. Na ladeira norte dese mesmo monte nace tamén o regato de Parada, cabeceira do río Lengüelle, un imporante afluente do Tambre, ao que Eduardo Pondal lle dedicaría un poema.
Se antigamente ao lugar de nacemento dun río se lle atribuía pouca consideración, hoxe en día esperta moita curiosidade para todas aquelas persoas interesadas pola xeografía local e amantes do medio natural, sobre todo cando se trata de ríos importantes como é o caso do Anllóns, o sexto río galego no que respecta á súa longura (71,40 quilómetros), mais tamén polo realce e simbolismo que lle transmitiu Pondal coa súa obra poética.
O nacemento do río bergantiñán representa un elemento notable do patrimonio natural do concello da Laracha e da comarca e un potencial turístico para o seu territorio, que convén promocionar e conservar. Un primeiro paso a dar sería corrixir o erro que continúa a plasmarse na cartografía actual do IGN, elevando un informe ben documentado a este organismo para modificar esa imprecisión e, logo, levar a cabo un labor de divulgación sobre o verdadeiro lugar de nacemento do Anllóns.
Este sábado 14 de maio, o IEB organiza de novo unha ruta polo nacemento do Anllóns e o seu curso alto coa finalidade de coñecer este primeiro tramo do río, quizais o máis ignorado, pero non menos importante. Un nutrido grupo de persoas teremos a oportunidade de gozar da emotiva imaxe de ver como flúen esas primeiras augas da serpe de prata que percorre Bergantiños de leste a oeste, aportándolle ás súas terras vida e frescura.