«Máis que unha competición deportiva, o deste domingo en Mazaricos será unha festa»

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. r. alvite REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO

Xosé R Alvite

ENTREVISTAS | A localidade acollerá a terceira proba do circuíto Correndo pola Costa da Morte, con inicio na Picota. Falan o concelleiro de Deportes, Jorge Villar, e o coordinador do departamento municipal de Deportes, Andrés Tuñas

04 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mazaricos acollerá o domingo a terceira proba do circuíto Correndo pola Costa da Morte, que arrincará na Picota ás dez e media da mañá coa saída da categoría alevín e rematará ás doce coa categoría absoluta sobre un percorrido de dez kilómetros. Para o Concello, este tipo de eventos, que unen a competición co ámbito comarcal resultan moi importantes para fomentar a práctica deportiva, principalmente entre os máis novos. Esa é, polo menos, a opinión do concelleiro de Deportes, Jorge Villar Cobas.

—Outro ano máis, volven as carreiras a Mazaricos. Había ganas?

—Moitas ganas. Estes dous últimos anos foron complicados para os afeccionados que, aínda que seguiron adestrando e saído a correr de xeito habitual, botaban de menos este tipo de probas que, mais que unha competición, son unha festa.

—Que supón para o Concello ser parte do circuito Correndo Pola Costa da Morte?

—Para nós é un gusto e case unha obrigación participar neste tipo de actividades deportivas que fomentan uns valores cos que coincidimos plenamente. Dende logo a nosa intención é a de participar de xeito activo en calquera iniciativa que promova a práctica deportiva e a vida saudable.

—É un gran esforzo poñer en marcha a proba dende o punto de vista da organización?

—Evidentemente, para un concello pequeno coma é o noso, unha proba con tantos asistentes coma esta require dun esforzo importante tanto dende o punto de vista humano e tamén económico. Neste sentido, quero agradecer o traballo de toda a xente que bota unha man na súa organización, especialmente do persoal municipal e das diferentes agrupacións de Protección Civil doutros concellos que, coordinadas pola do noso, velarán para que todo sexa un éxito.

—Mazaricos é terra de atletas. Haberá moita participación local?

—Esperemos que si. O número de inscritos do concello é máis alto que en edicións anteriores e iso tamén nos alegra. Temos a sorte de ter no concello a Rocío Alvite que xa gañou o circuíto en varias ocasións e que é unha moi boa embaixadora da proba e axuda enormemente a que o atletismo gañe cada vez mais protagonismo en Mazaricos.

—Vostede vaise animar a correr?

—Teño corrido en edicións anteriores, pero esta vez non vou poder. Aínda que si vou estar, pero vaime tocar traballar para que os outros poidan desfrutar do circuíto como se merecen.

Xosé R Alvite

«Hai máis inscricións que en calquera das edicións pasadas»

Días de moito movemento no departamento municipal de Deportes que, dende hai 16 anos, coordina Andrés Tuñas Sieira. Un veterano na posta en marcha deste tipo de eventos que destaca a excelente participación que, outro ano mais, rexistrará a proba mazaricana. De feito, xa superan os 700 inscritos cun especial aumento do número de nenos.

—Todo listo para o gran día?

—Si, en principio parece que está case todo listo. Sempre hai detalles de última hora, incluso cousas que só se poden levar a cabo no día, pero o máis importante xa o temos feito. Hai que recoñecer que xogamos con algo de vantaxe porque despois das carreiras de Camariñas e Vimianzo xa dispomos de información dos aspectos nos que máis hai que centrarse.

—Como foron as inscricións?

—A verdade é que non podemos queixarnos porque foron moi ben. Segundo os datos que temos xa se pecharon 714 inscricións. Ben é certo que na preto de cincocentas son de atletas que se anotaron para todo o circuíto xa no mes de febreiro e que algúns seguramente non poderán vir aquí o domingo. Aínda así estamos moi satisfeitos porque superamos o número de participantes doutras edicións.

—É unha mostra de que a xente botaba de menos o circuito?

—As inscricións así o indican, polo menos. A pandemia foi un parón moi importante para as persoas que gustamos de eventos deste tipo e o feito de volver está animando a moita xente a volver a calzar as zapatillas para correr. Incluso nas categorías inferiores, que parece que nas probas previas descenderan algo. No noso caso non só mantemos os número senón que en categorías coma a pitufo —menores de sete anos— incluso subimos algo.

—Que destacaría do percorrido do domingo?

—Aínda que os circuítos máis pequenos se manteñen invariables dende a primeira edición, o de dez quilómetros si foi cambiando. Pero, ben é certo que, debido ao éxito que tivo no 2019 optamos por repetilo. Trátase dun percorrido dunha soa volta que é bastante máis chan que o anterior polo que é máis do gusto dos corredores, que o agradecen. Ademais atravesa un entorno natural moi bonito que, se o día acompaña, será un aliciente máis para os participantes.