Ao igual que no caso dos adultos, a entrega de premios está prevista para o día 28 de maio.
Mañá oficialízase na Deputación da Coruña o inicio da conta atrás para o retorno do monstro
«A pandemia prolongou máis dou previsto o retorno da besta ás terras nas que foi avistada por un bispo armenio case ao mesmo tempo que Colón avistaba América, e lle arrebata así a Fisterra a condición de fin do mundo», contan dende Dumbria. Este Concello, que se reivindica como Territorio Vákner, impulsa dende antes do covid un proxecto de vocación comarcal, pois tirando deste feito narrado por Mártiros pretende implicar a toda a zona de influencia do Camiño a Muxía e Fisterra para convertelo nun dos seus moitos atractivos: aposta de territorio, valorización do patrimonio inmaterial e aproveitamento turístico.
A testemuña que deixou escrita aquel peregrino, sobre ese aterrador encontro nos montes dumbrieses, é a que hoxe, seiscentos anos despois, permite recuperar unha figura lendaria. Tamén fisicamente, pois o vindeiro 28 de maio, dentro do chamado Festival Vákner, quedará descuberta unha escultura de lobishome que evoca a ese Vákner. Será unha das patas deste renacer do proxecto despois da pandemia. Así, logo de moito tempo de traballo, o Concello de Dumbría, xunto aos demais do Camiño, asociacións, Luar na Lubre e Deputación oficializarán mañá na institución provincial —12.00 horas, con música en directo e unha misteriosa presenza, ademais das evidentes— o inicio da conta atrás para o retorno do monstro.
Luar na Lubre será o eixo dun concerto previsto tamén para ese 28 de maio, con artistas invitados como Ismael Serrano ou Víctor Manuel, ademais dos gaiteiro de Buxantes e Alexandra Suárez, talento local. O acceso vai ser gratuíto, mais é preciso reservar praza retirando entradas en ataquilla.com ou no Concello dumbriés.