«Moita xente pensa que os Penedos se formaron coa erosión, pero non foi así»

M. L., F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Fala Vidal Romaní | Cada ano, a Sociedade Xeolóxica de España promove unha actividade divulgativa que se celebra de xeito simultáneo en cada provincia. Na Coruña, o vindeiro 7 de maio 

01 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano, a Sociedade Xeolóxica de España promove unha actividade divulgativa que se celebra de xeito simultáneo en cada provincia. Estes Xeolodías son roteiros ou visitas a puntos destacados da paisaxe de cada territorio nas que os participantes dispoñen das explicacións de experimentados xeólogos. O correspondente á provincia da Coruña será o vindeiro 7 de maio polos Penedos de Pasarela e Traba, con Juan Ramón Vidal Romaní e outros profesores de Universidade da Coruña e investigadores da paisaxe galega. O de Lugo será en Piornedo; o de Ourense, polo patrimonio mineiro e meandro do Río Pentes, e o de Pontevedra, polo parque forestal de Beade. Sobre todo isto falou Vidal Romaní en Radio Voz:

—Como xorde isto do Xeolodía?

—Xorde da necesidade de explicar o que é a xeoloxía e diferentes aspectos da mesma, xa que en moitos casos non se ten en conta máis que para falar de minas ou canteiras, pero é moito máis. Con esta iniciativa tratamos de explicar outros puntos de vista que a fan máis agradable para a xente.

—Que contarán dos Penedos?

—Todos sabemos que o atractivo dos Penedos é o feito de que, de maneira natural, se creasen esa serie de formas que semellan animais, obxectos ou persoas. O que nós imos amosar é como se fixeron as figuras. Moita xente pensa que foi polo efecto da erosión, o vento ou a chuvia, pero non foi así. Tamén contaremos que esas rochas non se crearon na superficie, senón a uns 15 quilómetros de profundidade cando o granito subía cara a terra. Todo isto, hai 300 millóns de anos, o que dá idea da súa gran importancia.