Morre o galego?

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

29 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló por 1969, Roma aprobaba a luturxia en galego. Teño comentado algunha vez que no 72, hai por tanto medio século, Manuel Espiña publicaba na Voz o listado onde se daban así as misas. Eran daquela 167, en 160 igrexas, non só de Galicia, senón en Salamanca, Gijón, Madrid ou Bos Aires. Ou Berna, onde chegaría a haber máis: sempre lembro emigrantes que viñan de Suíza e que comentaban que en tal sitio oficiaban en galego. Chamativo para o ano, pero normal porque é aplicar a lingua maioritaria, en moitos casos case exclusiva, dos seus feligreses.

Ultimamente observo algunhas cousas curiosas. Primeiro, que cada vez hai máis lápidas e esquelas en galego. Sempre me resultou chamativo que en lugares nos que ninguén fala castelán se usasen tanto as despedidas en castelán, do mesmo xeito que ma chamaría se fose ao revés, pero nese caso nunca pasa. Pode ser que os prexuízos aínda manden moito, ou a desidia, o asociar unha lingua centenaria a unha cor política cando realmente en certas áreas todos a falan con indepenencia das súas ideas. Ademais, Deus está posto en idiomas. E si, vexo cada vez máis, nos recordatorios e no xornal. Onte mesmo, unha ben fermosa cun poema de Curros. E, para quen lle interese, hai por aí varios manuais de recursos funararios en galego.

E, igual ca vexo iso, será cousa miña que cada vez hai menos misas en galego? Entre que non vou a moitas e que hai unha morea de parroquias (nesta zona, 157) xa sei que é difícil avaliar, pero polo que vas vendo e escoitando aquí e aló, esa é a sensación. Que baixa, e xa non estaba moi alto. A ver se ao final o galego vai morrer de verdade.