Nova etapa e renovada directiva na asociación veciñal A Fonte de Fornelos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A entidade baiesa ten agora como presidente a Felipe Allo. Tomou o relevo de Estrella Balsas

23 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de 16 anos dende a súa constitución, a asociación veciñal A Fonte de Fornelos (Baio) ten nova directiva. Felipe Allo, como presidente, relevou a Estrella Balsas Pose. El «con grande ilusión», como indican dende a entidade, asume o reto de seguir traballando co apoio de todos os veciños. Estará acompañado por Óscar Rodríguez, vicepresidente; María Jesús López, secretaria; Isabel Eiroa, tesoureira; e Martina Sousa, Rosa Mari García, Olalla Rodríguez, Mari Carmen Ameijeiras, José Manuel Vázquez e Rocío Romar, como vogais. Foi o 13 de marzo cando Felipe Allo foi elixido por unanimidade como novo presidente e, dende entón, xa teñen en marcha un bo número de propostas, «actividades que con moita ilusión estamos organizando para a nosa comunidade», din. «A asociación constituíse no ano 2006 e dende ese momento todo foron melloras para esta aldea e para os seus veciños», lembran.

Neste mes e algo de nova andaina, hai varios proxectos en marcha e en proxecto. A petición da entidade veciñal, o Concello realiza traballos de limpeeza no paseo fluvial de Fornelos e no entorno da fonte, algo que agradecen. A asociación recolleu no consistorio, ademais, trampas para velutina que entrega nos domicilios. Programaron para mañá una saída á Ruta da Auga de Zas, con medio cento de inscritos. O 29 deste mes haberá unha cea de homenaxe á anterior directiva e, en maio, viaxarán ás Rías Baixas.